A Fenesa Noelia Cob Álvaro participará no campionato de Europa de Patinaxe Freestyle

CONCELLERÍA DE DEPORTES

A Fenesa Noelia Cob Álvaro participará no campionato de Europa de Patinaxe Freestyle

 
Con tan só 15 anos, Noelia Cob leva unha carreira meteórica no mundo do Freestyle. Dende hai dous anos, a patinadora fenesa forma parte da escola “Sobre rodas” de Ferrol aínda que non foi ata hai un ano que comezou a practicar a modalidade de salto.
Nos últimos meses, Noelia Cob acadou a medalla de ouro en salto (categoría xuvenil feminina) na 2ª etapa da Copa de España, celebrada en Vigo o pasado mes de xullo. Nesta mesma cita, outros dous patinadores de “Sobre rodas” acadaron resultados salientables: o tamén fenés Sergio Cob Álvaro quedou empatado co 3º clasificado na categoría absoluta e o ferrolán Jesús Mendez acadou a medalla de prata na categoría xuvenil masculina.
Posteriormente, a comezos do mes de xullo, os irmáns Noelia e Sergio Cob Álvaro participaron no Campionato de España de Freestyle que se celebrou no madrileño pavillón de Las Rozas e no que tomaron parte ao redor de 150 patinadores/as de distintos puntos da xeografía española. Nesta ocasión, Noelia Cob acadou novamente a medalla de ouro, proclamándose Campiona de España Xuvenil de Salto, e seu irmán, Sergio Cob, quedou 9º clasificado (empatado en altura dende o 5º clasificado).
Perante a súa próxima cita deportiva, Noelia Cob concentrarase coa Selección Española en Ciudad Real o vindeiro mércores 5 de setembro, un día antes de que comece a competición. Dende o Concello de Fene deséxaselle unha brillante participación no Campionato Europeo de Freestyle e moitos éxitos deportivos no futuro.