O Concello de Fene únese ao fondo pesar polo falecemento do escritor Francisco Cortegoso

ALCALDÍA

O Concello de Fene únese ao fondo pesar polo falecemento do escritor Francisco Cortegoso

Fran Cortegoso (Pontevedra, 1985-2016) publicou os seus primeiros textos da man de Anton Lopo na Revista das Letras de Galicia Hoxe, en 2008. A esta publicación seguiron poemas publicados en revistas como Dorna, da Facultade de Filoloxía da USC, e Revista Grial, en 2011. Tamén participou na antoloxía A cidade na poesia galega do século XXI, coordinada por Gonzalo Vázquez e noutra antoloxía de poetas galegos traducidos ao español, dirixida por Antonino Nieto Rodríguez. Do seu poemario “Memorial e danza” (XXVI Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé), editado por Espiral Maior, cómpre salientar que o xurado do certame, composto polos poetas Ramón Blanco, Olalla Cociña e Marisol Gándara Sánchez, valorou “a descuberta dunha voz singular cun contido alento reflexivo despregado nunha sintaxe pouco convencional e un ritmo coidado. O poemario apóiase en luminosas imaxes cun forte enraizamento no fluír temporal da natureza”.
“Memorial e danza” principia co poema Dedicatoria:
Alí onde a lingua perde lugar,
e así a materia toda se expande,
onde se transparenta,
se traspasa a si propia, se mata,
e toma son, e o silencio;
aí que acada si propia, como nun palimpsesto,
e se paga e esclarece como nada,
rota, volve sobre si,
ordenándose;
aquí, caída, por se devolver ao mundo;
oclúe, atravésase. Maior que a luz nin sombra.
E sempre para cada un de nós, humanos, a perda
                             /ou inflación do movemento en nós.
A esta respiración.
Por nós perdermos.
Francisco Cortegoso finou  onte, 5 de outubro, aos 31 anos de idade, xusto o día en que chegaba ás librerías o seu último poemario, “Suicidades”, editado por Chan da Pólvora¸ "un dos máis importantes e conmovedores textos da poesía galega das últimas décadas. Calquera que se achegue a este libro non quedará indemne, hipnotizado por un dos escasos exemplos de libro-concepto que se deron na nosa  literatura, un volume onde a linguaxe procura formas que a encaixen na la idea que transmite, en nun discurso radical e ao tempo harmónico". Cortegoso deixa inédito o libro “Carta ao poeta español”, que xorde como diálogo coa obra de Leopoldo María Panero”.