ALCALDÍA
O goberno local proporalle ao pleno unha bonificación do 95% no IBI para as entidades sociais do municipio
03-11-2016
A cuestión dos prazos de pagamento das facturas tratarase no punto terceiro do pleno baixo un epígrafe referido ás medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais da administración local. O informe elaborado pola Tesouraría municipal reflicte que o Concello está pagándolle aos provedores e provedoras en 16,84 días. É dicir, pouco máis de dúas semanas despois de tramitarse as facturas, o que supón reducir en máis da metade a demora no mesmo período de 2014 (34,88 días) e de 2015 (37,41 días).En relación cos asuntos económicos, o goberno local tamén introduciu na orde do día a proposta de aprobación do plan económico e financeiro para o período 2016/2017. A elaboración deste plan é unha obriga legal cando se incumpren os termos definidos por lei en canto a estabilidade orzamentaria, débeda pública e regra de gasto.
Fene cumpre co límite de débeda e tamén co obxectivo de estabilidade orzamentaria, cun superávit superior aos 214.000€. Porén, o terceiro apartado, o da regra de gasto, excedeuse en 2015 debido a que nese exercicio se executaron obras e investimentos non previstos por valor de 378.000 euros. Unha contía destinada a actuacións desenvolvidas na súa maioría ata o mes de maio do ano pasado que, sen embargo, non se reflectira inicialmente no orzamento e que se sufragou tirando dos remanentes de tesouraría de 2014, ao que tamén se imputaron outros gastos xerais que tampouco figuraban no orzamento.
A Intervención municipal cualifica o incumprimento da regra de gasto como unha situación “coxuntural e non estrutural” que, segundo a proposta da alcaldía que se someterá ao pleno, non requirirá a súa compensación en futuros exercicios con medidas extraordinarias. De feito, o plan económico e financeiro é máis que nada un informe de elaboración obrigada no que queda constancia dos motivos polos que se excedeu neste caso a regra de gasto e no que se expresa o compromiso municipal de non acudir aos remanentes de tesourería como xeito de cubrir gastos e investimentos que non estean previstos en próximos orzamentos.
Bonificación do IBI para entidades sociais
O pleno municipal ordinario deste primeiro xoves de novembro tamén inclúe a proposta de modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles de natureza rústica e urbana. A modificación consiste na introdución dun novo suposto que abre o camiño para unha rebaixa do 95% do IBI nos locais onde se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal, como pode ser o caso das entidades sociais, culturais e histórico-artísticas do municipio.
A diferenza das outras bonificacións xa recollidas na ordenanza -para inmobiliarias, vivendas de protección oficial e cooperativas agrarias-, neste caso a redución do imposto será indefinida mentres se manteñan as condicións en que fose concedida. Iso si, as entidades deberán ser as titulares do recinto e tamén da actividade económica que se desenvolva nel e, ademais, solicitar a bonificación achegando, entre outra documentación, a memoria xustificativa da actividade desenvolvida na que se acredite a “relevancia, singulariedade e importancia” social que lle permita ao pleno da corporación declarar o interese ou utilidade municipal.
Outras cuestións do pleno
Outro asunto que se tratará na sesión refírese á rectificación de erros detectada no inventario de bens inmobles do Concello e a incorporación dunha parcela ao Patrimonio municipal do solo.
No punto número 5 da orde do día tamén se recolle a aprobación, se procede, da adhesión ao convenio marco de colaboración suscrito entre a Xunta e a FEGAMP en materia de resíduos de aparellos eléctricos e electrónicos, a través do que se dotaría o Punto Limpo municipal de equipamento específico para a recollida e un mellor tratamento destes refugallos.
No apartado de mocións hai dúas para debate. Na primeira delas ínstase á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para que se axilice a contratación da retirada dos pneumáticos amoreados na antiga planta da Rubber, situada nas curvas de Santa Ana. A segunda refírese ao manifesto institucional co gallo do 25 de novembro, día Internacional da eliminación da violencia contra da muller. O texto expresa o apoio “a todas as vítimas” e o compromiso de “desenvolver todas as actuacións municipais que dependan do noso quefacer para previr e intervir en todas aquelas situacións que sexa preciso".