ALCALDÍA
Comezan as obras no campo do Maniños
04-11-2016
Os maiores inconvenientes dun campo de herba natural son precisamente eses: se chove enlámanse e hai que deixalos descansar e, ademais, manter o céspede en bo estado require coidados constantes. Un esforzo que aínda é maior nun caso coma o do Maniños, con nove equipos nos que xogan 136 deportistas entre os sénior, as categorías de base e o conxunto da liga feminina de fútbol 8.Igual que ocorrera anteriormente co Perlío, agora o club tamén contará cun campo renovado con herba artificial e outro equipamento, cun investimento total de 298.420 euros sufragados integramente pola Deputación da Coruña a través dun convenio suscrito co Concello de Fene que, para levar adiante as obras, precisou como paso previo a cesión das instalacións da sociedade O Pote por un periodo de 25 anos.
Os traballos que se iniciaron este mércores pola mañá consistirán na retirada do manto vexetal do terreo de xogo onde despois se fará unha base con zahorra compactada. Sobre dela aplicarase unha capa de aglomerado cunha inclinación do 1% a ambos lados para facilitar a drenaxe e, xa na última fase do proxecto, cubrirase o campo con céspede sintético de alta resistencia lastrado con area e grans de caucho.
A nova área deportiva estará ocupada en todo o largo por unha cancha para fútbol 11 e con outras dúas dispostas ao ancho para fútbol 7, o que facilitará a disputa de campionatos e torneos con partidos simultáneos nesta modalidade. Para iso o contrato tamén contempla a subministración de tres pares de porteirías, dúas fixas para o campo grande e catro móbiles para os dous campos pequenos, ademais da instalación dunha varanda metálica que peche o terreo de xogo e dous banquiños metálicos.
As obras tamén inclúen o aglomerado dun camiño en todo o perímetro do campo así como o sistema de drenaxe e de rega. E é que o céspede sintético tamén hai que regalo antes dos partidos para garantir que se manteña en perfectas condicións durante anos e para que o comportamento do balón e a sensación do xogo sexan case idénticos aos dun campo de herba de toda a vida. Neste sentido e de acordo co proxecto, a empresa adxudicataria deberá instalar un sistema de almacenaxe e bombeo da auga que abastecerá seis aspersores colocados nos laterais do terreo de xogo.
O equipo de goberno visitou O Pote este mércores pola mañá coincidindo co inicio dunhas obras que, se todo vai ben, deberían estar finalizadas á volta de mes.