Arranca a campaña de poda nos parques e avenidas do concello

CONCELLERÍA DE SERVIZOS

Arranca a campaña de poda nos parques e avenidas do concello

Noutros anos as podas comezaban a finais de setembro ou primeiros de outubro. Porén, co plus de verán que houbo en 2016 a vexetación resístese a tirar a folla malia estarmos co outono xa ben entrado. Se cadra aínda cumpriría agardar algúns días para acometer os traballos, xa que os manuais de xardinería recomendan as demoucas incluso no inverno e, en calquera caso, cando xa non hai folla ou no momento en que as copas estean completamente secas. Porén, o Concello decidiu empezar xa mesmo por tres razóns: unha porque había ramallada preto das fachadas dalgúns edificios, outra porque podar neste momento tamén aforrará traballo na limpeza da follaxe na rúa e, a terceira razón, porque as árbores practicamente non o van notar debido a que están comezando o parón vexetativo.
A maior carga de traballo dáse ao longo da avenida Marqués de Figueroa, con preto de 900 metros de plátanos de sombra a un lado e outro da estrada -163 árbores-, e na avenida Naturais de Fene, con outros 600 metros de magnolios -50 pés en total- distribuídos na maior parte do percorrido tamén por ambas beirarrúas.
Os labores céntranse na retirada de pólas novas e daquelas que están danadas, ademais de ocuparse de manter e guiar a formación de cara ao ano que vén impedindo unha proliferación incontrolada da copa. Trátase dunha cuestión de saneamento vexetal pero tamén de seguridade viaria, posto que a poda contribuirá a mellorar a visibilidade nocturna en dous dos eixos máis transitados do municipio.
Agárdase que os traballos -que se complementan con actuacións das brigadas municipais noutras zonas do territorio- estean rematadas á volta de 10 ou 15 días. O equipo encargado empezou no cruzamento da Xunqueira e vai avanzando rúa arriba por Marqués de Figueroa para proseguir despois por Naturais de Fene. Desde o Concello prégase a colaboración veciñal para que non se aparque nas zonas de intervención, delimitadas e sinalizadas dun día para outro a medida que avanzan os traballos.