Fene inicia unha campaña de concienciación veciñal sobre os excrementos das mascotas

CONCELLER5ÍA DE MEDIO AMBIENTE

Fene inicia unha campaña de concienciación veciñal sobre os excrementos das mascotas

De feito, segundo a Lei1/1993 e o Decreto 153/1998, non recoller os excrementos que evacúa un animal na vía pública constitúe unha infracción leve que pode supoñer multas de ata 500 euros. Porén, o interese municipal non é chegar a ese extremo, senón recordar que ter unha mascota conleva tamén un compromiso cívico cando se saca a pasear. Neste sentido a área de Medio ambiente está distribuíndo polo municipio un total de 150 carteis nos que se convida á cidadanía a facer un exercicio de responsabilidade e de colaboración co Concello para manter libres de excrementos os parques e as zonas de paseo.
Os carteis -de tamaño semellante ao dun póster e pintados nun rechamante amarelo- están colocados ben á vista nas zonas máis frecuentadas e nos peches perimetrais das áreas de xogo dos parques infantís onde, ademais, os animais de compañía teñen prohibida a entrada.
O Concello busca con esta medida informativa concienciar á veciñanza posuidora de animais domésticos posto que, cun simple xesto, estase axudando a manter limpos os espazos públicos.
 

Verteduras de cascallo
Na mesma liña da concienciación cidadá, a Concellaría de Medio ambiente tamén está colocando en distintos puntos do territorio carteis recordatorios da prohibición de verter cascallos e residuos voluminosos ao aire libre. Malia que non é o habitual, os servizos municipais aínda seguen atopando en zonas mortas das estradas e en recunchos próximos ás vías públicas restos de pequenas obras e mesmo mobles vellos e electrodomésticos.
A este respecto o Concello lembra que os cascallos resultantes de obras domésticas deben ser tratados por unha empresa xestora autorizada e que na actualidade tamén se está ofrecendo un servizo semanal de recollida gratuíta daqueles voluminosos que non se poden depositar nos colectores convencionais.
Punto limpo
Boa parte destes residuos son os que van parar aos puntos limpos municipais. Un servizo que, no caso de Fene, está pendente de entrar en funcionamento malia que a infraestrutura necesaria xa existe no polígono Vilar do Colo.
O Concello ten preparado un borrador de regulamento que se lle pasou recentemente tanto aos grupos muncipais como aos concellos limítrofes de Neda, Mugardos, Ares e Cabanas co obxectivo de que fagan as súas achegas ao articulado de funcionamento final.
A idea coa que se traballa é que Fene se encargue da xestión e que o resto de concellos convenien a prestación do servizo de acordo cos custes de mantemento, definidos no informe económico que se elaborará tan pronto como se consensúe o regulamento.