O Concello de Fene implanta unha nova ferramenta de xestión do arquivo municipal

ALCALDÍA

O Concello de Fene implanta unha nova ferramenta de xestión do arquivo municipal

A aplicación informática contou con finanzamento da Deputación da Coruña, quen achegou unha axuda de 16.772 € para o seu desenvolvemento e posta en marcha. A plataforma está integrada co xestor de expedientes que o Concello xa tiña en funcionamento e, na práctica, vén sendo unha ferramenta de ordenación para a información administrativa xerada pola administración local, pero tamén para as referenzas daqueloutra que forma parte do arquivo municipal desde 1837.
No proceso de implantación os servizos municipais migraron máis de 43.000 rexistros da antiga base de datos Access que agora se encontran nun cadro de clasificación documental con máis de 500 series perfectamente ordenadas e adaptadas á normativa internacional, concretamente á Norma Internacional sobre os rexistros de Autoridade de Arquivos relativos a Institucións, persoas e familias (ISAAR) e á Norma internacional Xeral de Descrición Arquivística (ISAD).
Ademais, a adaptación aos estándares cos que funcionan outras plataformas arquivísticas autonómicas, estatais e internacionais, facilitará no futuro o préstamo de documentación de arquivo tanto á veciñanza como a outras institucións. Neste sentido a ferramenta de xestión ofrece a posibilidade de interconectar o arquivo fenés con outros fondos e mesmo conta coa tecnoloxía necesaria para que as referenzas a cada documento se poidan consultar vía web previa identificación electrónica.
A posta en marcha do novo sistema de xestión do arquivo municipal é un paso máis no proceso de dixitalización e implantación da Administración electrónica. Este mesmo ano o Concello tamén integrou con éxito nos procedementos municipais un módulo que permite crear os decretos de forma electrónica  -na actualidade o 100% dos decretos aprobados xa son electrónicos e validables mediante Código de Verificación Segura na sede electrónica municipal- e na actualidade estase ultimando a posta en funcionamento do módulo correspondente ás actas dos distintos órganos de goberno e colexiados do municipio. Un sistema que permitirá notificar electronicamente aos seus membros os contidos das actas tan pronto como estean dispoñibles.