CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
O Concello recibe do humorista gráfico Luis Davila catro obras orixinais
16-11-2016
Luís Davila é un dos referentes actuais do humor gráfico en Galicia. Por dúas razóns. A primeira por ser unha auténtica máquina de retratar a realidade do país e a segunda por ser quen de facelo ao momento e multiplicando o seu efecto a través das redes sociais ou en sociedade ao vivo co humorista Carlos Blanco. Davila conta con milleiros de fans que día a día seguen as súas tiras na prensa e no blog “O bichero” e por iso non é de estrañar que houbese tanta expectación ao redor da mostra do seu “Humor do país” que acaba de pechar as súas portas no Museo do Humor. Unhas 800 persoas pasaron por alí desde mediados de outubro e agora a exposición inicia o seu percorrido por outros concellos galegos. Antes de marchar de Fene, o autor entregoulle ao Concello catro orixinais da súa obra.Luís Davila e o alcalde, Juventino Trigo, suscribiron este mediodía o convenio de doazón dos debuxos, que pasarán formar parte dos fondos do Museo do Humor. Deste xeito tamén se lle dá a despedida a unha exitosa mostra coproducida polo propio museo e o autor. “Humor do país” comezou a súa andaina en Fene o pasado 10 de outubro e desde aquela visitárona unhas 800 persoas entre público xeral e alumnado de centros de ensino que, nalgún caso, era a primeira vez que se achegaba ao museo.
A exposición recolle unha escolma da xenialidade gráfica de Davila organizada tematicamente: cuchipandas, o tempo, o viño, a morte, deportes, o mar, bicherío, etc., na mesma liña en que podemos velas no seu blog -obichero.blogspot.com-, onde hai publicados milleiros de viñetas estruturadas en case 300 categorías distintas.
E entre todas elas sempre hai un fío condutor: a xente do país reflexionando con atino sobre o que pasa a diario, sempre con mirada retranqueira e sempre co as para matar o tres. Personaxes como Dora, Tucho, Marselino, Chelo, Sinda ou Palmira son xa referentes culturais e creadores de opinión cos que Davila plasma no papel a maneira de ser, de sentir e de vivir que temos as galegas e galegos.
A mostra, promovida pola concellería de Cultura de Fene, complementouse coa proxección da serie completa de tiras cómicas animadas por Davila e emitidas no programa da TVG “A casa da Conexa”. Tamén incluiu un photocall onde quen quixo puido fotografarse na compaña de Dora e Tucho, quizais os personaxes máis populares do universo cotián debuxado por Davila.
Canda estes contidos, a exposición “Humor do país” contou cunha trintena de orixinais en lápiz e tinta e a colección completa de libros d'O bichero, que encadernan boa parte das tiras publicadas polo autor en prensa e nas redes sociais.