Fene leva á rúa a sensibilización contra a violencia machista

CONCELLERÍA DE IGUALDADE E BENESTAR

Fene leva á rúa a sensibilización contra a violencia machista

 Este ano a conmemoración do 25 de novembro -Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller- bótase á rúa co obxectivo de que a mensaxe cale na sociedade a base de propostas para todas as idades concentradas en boa medida no mércores 23.
As actividades comezaron esta mesma semana co lema “Fene contra a violencia machista” pendurado nunha grande pancarta situada no cruzamento de Fene e tamén impreso en adhesivos que se están distribuíndo entre aqueles establecementos que queiran sumarse á campaña de concienciación. Actividades enmarcadas no programa municipal de Muller e Promoción da Igualdade que, ademais da pancarta e os adhesivos, tamén prevé sesións de sensibilización co alumnado adolescente e preadolescente dos centros de ensino.
Pensando na rapazada máis nova -de entre 6 e 10 anos- e un público familiar, a Concellaría de Benestar Social e Igualdade organizou para o luns 21 o evento Contos pola Igualdade “Somos iguais”. Desenvolverase no centro de Servizos sociais de San Valentín a partir das 17.30h. da man da narradora e actriz Raquel Queizás, quen lle dará unha volta ás historias de toda a vida para mostrar que, ademais de heroes, nos contos tamén hai heroinas e princesas afoutas con protagonismo de seu.
O obxectivo principal da actividade é “educar ás novas xeracións no bo trato, no respecto, a corresponsabilidade e o coidado entre as persoas independentmente do seu sexo” como xeito de “transmitir valores igualitarios e non sexistas” que leven a unha sociedade “igualitaria e sen violencia de xénero”.
Neste sentido, a concellaría tamén implicou os centros de infantil e primaria do municipio -Centieiras, Jorge Juan, A Xunqueira, O ramo, Os Casais e a escola infantil A Galiña Azul- para que empreguen varios pasos peonís como lenzo de mensaxes concienciadoras. Os lugares elixidos son os pasos de cebra de Tarrío, da avenida do Concello, de San Valentín e da Rúa Hortelá, onde se plasmarán pequenas frases “que fagan reflexionar á cidadanía sobre as consecuencias das desigualdades e sobre a necesidade dun compromiso ante a realidade de que o machismo mata”.
O acto central de sensibilización e reivindicación celebrarase na tarde do mércores 23 comezando cunha proposta ben novidosa a cargo do Grupo Chévere, que converterá os expositores de catro locais comerciais en “Escaparates contra a violencia machista”.
Como indica o propio título, tres escaparates -os de Kata Moda ás 17.00h., o de Mobles Mayvi ás 17.30 e o de Calzados Locay ás 18.00, xunto coa terraza da cervexería Tarabela ás 18.30h.- converteranse en escenarios de microteatro nos que presenciar ao vivo retratos de mulleres maltratadas e as circunstancias que rodean o seu inxustificable calvario.
A proposta escénica de Chévere -Premio Nacional de Teatro 2014 polo seu compromiso social- relaciona e vencella a prevención da violencia de xénero, o pequeno comercio e a creación artística como fórmula de “trasladar á rúa un debate que moitas veces non sae da casa” e recoñecendo o valor do comercio retallista “como ámbito preferente de comunicación entre a veciñanza”.
Manifesto municipal
Ao remate da última peza, sobre as 19.00h., e sen moverse da praza do Ameneiral -tamén coñecida como praza verde-, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mª Carmen Martínez, lerá o manifesto aprobado pola corporación municipal co gallo do 25 de novembro.
O texto ratificado no pleno do pasado 3 de novembro comeza cualificando a violencia machista como “unha realidade vixente e firmemente arraigada na nosa sociedade” con orixe “nas relacións de poder e desigualdade existentes entre homes e mulleres”.
O manifesto destaca a “lacra” dos asasinatos e agresións contra da muller “polo feito de selo”, pero tamén se refire á “realidade cotiá” do maltrato “que queda invisibilizada pola súa sutileza e normalidade” en ámbitos tan diversos como o familiar, o escolar ou o dos medios de comunicación.
A declaración reivindica, ademais, un maior compromiso político para que se teñan en conta “todas as dimensións que inflúen na violencia machista”, revisando e cumprindo a lexislación vixente, reservando partidas para plans de prevención e mellorando os protocolos de coordinación.
A través do manifesto, o Concello de Fene tamén expresa a solidariedade coas vítimas e “coas fillas e fillos de familias rotas polo exercicio do poder patriarcal” , ademais de suscribir un compromiso “coa loita pola igualdade e a convivencia” no que se recalca que “non só é importante a conmemoración dun día, senón que durante todo o ano hai que dispoñer de recursos eficaces e integrais”.