CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
O Museo do Humor de Fene entrega este venres os premios Curuxa 2016
21-11-2016
O xurado do XX Concurso de Humor Gráfico Curuxa do Humor reuniuse o pasado 17 de xuño e acordou por unanimidade outorgarlle o primeiro premio Curuxa 2016 ao debuxante Alberto Cardona Valcarcel pola obra titulada “Ray”. O xurado salientou “o pouso que deixa a historia, unha historia aberta, de humor negro, cunha excelente resolución gráfica acorde coa temática abordada”.Tamén na categoría Curuxa (maiores de 25 anos), o segundo premio recaeu nesta edición no debuxante Antón Lezcano González pola obra “Modernas”, da que o xurado destaca “o seu humor directo e moi galego, contrapoñendo a modernidade con aquilo que funcionou toda a vida”.
Na categoría Curuxa Nova (menores de 25 anos) o primeiro premio foi para Cristian Fojón Caruncho por “Adaptación ao medio”. Neste caso a acta do fallo sinala “a súa grande calidade gráfica e orixinalidade no aproveitamento dun tema de actualidade nas redes sociais para plasmalo de xeito humorístico en formato de cómic”. O segundo premio foi para Alba Souto Rodríguez por “A gaivota de Amalia”, unha obra na que o xurado valorou, sobre todo, “o seu estilo persoal, o traballo da cor e a crítica social reflectida na denuncia da contaminación”.
Segundo informa a Concellería de Cultura de Fene, os premios están dotados cun diploma e cunha gratificación económica que vai dos 500 € do segundo premio Curuxa Nova aos 2.000 € do primeiro premio Curuxa. O xurado estivo formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, pola exconcelleira de Cultura, Amalia García, polos debuxantes Juan Carlos Abraldes, Luís Davila e Santy Gutiérrez, e polo xestor de Actividades Culturais do Concello, Daniel Romero, en calidade de secretario do certame.
Quico Cadaval, último convidado ao “Novembro, mes do humor”
O acto de entrega dos Premios Curuxa coincidirá este venres coa inauguración ás 19.30h. dunha exposición coas obras presentadas este ano ao certame e coa derradeira sesión do ciclo de espectáculos humorísticos “Novembro, mes do humor” que comezará ás 20.00 horas.
Esta última cita estará protagonizada polo actor e contacontos Quico Cadaval. Como nas funcións anteriores, para asistir ao espectáculo haberá que recoller invitacións -2 por persoa- o mesmo venres na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas.