ALCALDÍA
Adxudicadas provisionalmente as obras de reparación do Camiño do Catalán
22-11-2016
A mesa de contratación do Concello de Fene acordou adxudicarlle provisionalmente a Canarga Construcciones SL o proxecto de pavimentación do camiño do Catalán por un prezo de 40.426 euros e un compromiso de execución de arredor dunha semana tralo comezo das obras. A intervención consistirá no aglomerado de preto dun quilómetro deste eixo viario que o Concello financiará con cargo ao PAI 2016, un programa de créditos sen xuros e con dous anos de carencia impulsado pola Deputación da Coruña. Estas non son as únicas obras que Fene está a piques de executar, xa que no Perfil de contratante da administración local figuran abertos os procesos de licitación de alomenos outras oito actuacións en distintas zonas do territorio.O camiño do Catalán é unha das vías secundarias máis transitadas de Fene e, tras numerosos labores de parcheo, o Concello decidiu acometer un proxecto que garanta telo en bo estado durante varios anos. Na actualidade o camiño presenta numerosas fochancas concentradas maioritariamente na costa que arranca no cruzamento da Brea que mesmo obrigan a reducir a velocidade para sortealas.
O plan municipal ten previsto aglomerar toda a estrada desde ese punto da parroquia de Maniños ata o lugar de Romariz, xa en Barallobre, ao longo dun trazado próximo ao quilómetro de distancia. Son exactamente 960 metros nos que, en primeiro lugar, se fará un varrido, logo botarase unha imprimación asfáltica e, finalmente, aplicarase unha capa de rodadura aglomerada de 5 centímetros de grosor. Xunto con estes traballos, o proxecto tamén recolle a adaptación do rexistro dun pozo existente, o pintado das marxes da estrada e a instalación da sinalización vertical.
Desde o goberno local sinálase que esta actuación atende ás demandas veciñais. O eixo sirve a arredor de 25 domicilios e, ademais, soporta un intenso tráfico diario por ser unha das vías empregadas para acceder ao cemiterio municipal e incluso ao polígono do Vilar do Colo.
O procedemento de contratación negociada con publicidade iniciouse no mes de setembro. Á licitación -cun prezo inicial de 80.451€ ive incluído e un prazo de execución máximo de 3 meses- presentáronse 10 empresas. Tras estudar as propostas achegadas, a mesa constituída ao efecto resolveu adxudicarlle provisionalmente os traballos a Canarga Construcciones S.L. por un importe de 40.426€ e co compromiso de que os teña listos nun período máximo de sete días laborables contados a partir do inicio da obra.
O aglomerado fináncianse con cargo ao Plan de Aforro e Investimentos 2016 da Deputación da Coruña, que destinou preto de 21,5 millóns de euros para os 93 municipios da provincia en forma de préstamos sen xuros para devolver en 10 anos contados a partir de 2018.
Outras obras en fase de licitación
Canda a reparación do camiño do Catalán, o Concello de Fene tamén incluiu no PAI provincial outros dous proxectos máis. Un deles servirá para arranxar o camiño que vai da Revolta a Formosende (Fene), a rúa Río Cádavo (Perlío), o camiño do Castro desde os Loureiros (Barallobre) e as pistas do Valadoiro e Valado en Sillobre, englobados nun único paquete de contratación por valor de 57.856€. O terceiro programa de infraestrutura pública do PAI ocuparase de mellorar a drenaxe e de reforzar o firme no núcleo de Lubián, en Sillobre, cuantificado en case 60.000 euros.
Outras obras que tamén se encontran na fase de contratación son a da pavimentación de varias pistas en Barallobre e Maniños e a instalación de alumeado público no contorno da pista polideportiva de Magalofes, financiadas neste caso dentro do POS e cun prezo de licitación de 42.225€ ive incluído, e a reparación da estrada de Laraxe desde a Areosa, en Limodre, cun prezo de licitación de 30.034€.
As previsións municipais apuntan a que nos próximos días queden resoltos todos os procedementos abertos e que as obras -licitadas por un montante superior aos 270.000 euros- poidan comezar antes de rematar o ano.