CONCELLERÍA DE IGUALDADE E BENESTAR
Escaparates contra a violencia machista
23-11-2016
ESCAPARATES CONTRA A VIOLENCIA MACHISTACatro escaparates de Fene convertiránse en soportes dunha campaña de sensibilización para a prevención da violencia de xénero, utilizando a comunicación teatral para transmitir a mensaxe con máis efectividade.
A idea é desenvolver en distintos escaparates unha serie de intervencións teatrais que tratan específicamente o tema da igualdade de xénero e da violencia machista, co fin de concienciar a un público amplo desde a proximidade, o humor, o corazón e a empatía.
O traballo de sensibilización e comunicación é moito máis eficaz se é quen de sorprender e interesar á xente que vai dirixido. Chévere ten demostrado que o teatro pode ser un factor de innovación no tratamento de temas de impacto social como a prevención da violencia de xénero.
Relacionar e vencellar a prevención da violencia de xénero, o pequeno comercio e a creación artística abre un fértil campo de cultivo para sementar usos comerciais, culturais e sociais cheos de novas sensibilidades.
É un xeito orixinal de trasladar á rúa un debate que moitas veces non sae da casa, recoñecendo o valor do comercio detallista como ámbito preferente de encontro e comunicación entre a veciñanza dunha vila.
Chévere ten recibido o Premio Nacional de Teatro en 2014 pola súa traxectoria e compromiso social a través da creación e a práctica teatral, converténdose na única compañía galega en recibir este recoñecemento. ESCAPARATES CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA está deseñada como unha peza de teatro estruturada en dous actos de natureza distinta, que se poden seguir tamén de maneira independente, e que se ubica en escaparates comerciais.
O primeiro acto está formado por tres retratos de mulleres a soas que sofren malos tratos. Tres perfiles completamente distintos de mulleres que son vítimas de agresións dentro dunha relación de parella. Son tres escenas individuais, nas que se trata de transmitir ao público un problema e unha dor. A posta en escena aproveita ese xogo e ese contraste entre a intimidade que ofrece o interior do escaparate e a exposición pública que implica facelo diante da xente que pasa pola rúa. É un territorio fronteirizo entre o público e o privado, entre o teatro de sala e o teatro de rúa, entre a exposición e a reflexión.
O segundo acto consiste nunha escena de interacción co público que estea na rúa. No escaparate móstrase unha situación típica de parella, que dá pé a facer en voz alta unha reflexión sobre as orixes ás veces imperceptibles do que logo acaba desembocando en agresión e violencia machista, convidando ao público a participar nun debate a ceo aberto.
PROGRAMACIÓN:
17,00h. Kata Moda, rúa Eduardo Neira 9 (Praza do Perla)
17,30h. Mobles Mayvi, Avda. Marqués de Figueroa 56
18,00h. Calzados Locay, Avda. Marqués de Figueroa 13
18,30h. Cervexería Tarabela, Avda. Marqués de Figueroa 51 (Praza Verde)
19,00h. Lectura manifesto (Praza Verde)
Máis Información:
Centro Municipal de Servizos Sociais
Av. do Mar – Bloque 1 – Baixo
San Valentín