CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Quico Cadaval pecha este venres en Fene o ciclo "Novembro, mes do humor
24-11-2016
"Fantasmas familiares" de Quico Cadaval é un espectáculo de narración oral que leva cambiado moito nos últimos quince anos acomodándose ás circustancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.Por estes "Fantasmas familiares" transitan espectros, valentes, milagreiros, peixeiras, mariñeiros, mitos do rock, líderes relixiosos, taberneiras, reis, golpistas, presos, adiviños, sicarios, axentes da orde, industriais, cantores melódicos, gandeiros, etc. Iso si, tampouco é seguro que no serán do venres aparezan todos, xa que Quico Cadaval é, se cadra, un dos monologuistas que máis improvisa e que máis varía os seus parrafeos dependendo do contorno. "Eu non son un monologuista. Eu subo ao escenario, falo e a xente ri", explicaba hai uns días.
Antes de chegar a Fene, e a modo preparatorio, Quico Cadaval levou os seus fantasmas familiares por festivais tan prestixiosos como o de Bucaramanga de narración oral, en Colombia, Déjame que te Cuente, en Lima, o Festival de Teatro de Almada, en Portugal, o Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá, a Feira do Libro da Habana, o Maratón dos Contos de Guadalajara, España, ou a Fundaçao Gulbenkian de Paris, así como por reputadas universidades de Alemaña e Portugal, sen esquecer a de Santiago.
Entrega dos Curuxas 2016
Esta derradeira sesión do ciclo "Novembro Mes do Humor" coincidirá coa inauguración da exposición dos "Premios Curuxa do humor 2016" convocados anualmente polo museo. A apertura da mostra está prevista para as 19.30h. e con entrada libre na Sala dos Curuxas situada no segundo andar da Casa da Cultura de Fene.
Xusto antes do comezo da actuación de Cadaval -ás 20.00h. xa no salón de actos e previa recollida dos convites- tamén se lle entregarán os galardóns do concurso de humor gráfico aos debuxantes Alberto Cardona, Antón Lezcano, Cristian Fojón e Alba Souto.Mensaje