CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Inaugurada a mostra "Centenario das escolas de instrución dos Naturales del Ayuntamiento de Fene, 1916-2016"
24-11-2016
O acto comezou coa presentación de Almudena Marcos quen contextualizou a exposición no programa “Fene na memoria”, unha iniciativa das Concellerías de Cultura e Ensino, dirixidas por Justo Martínez Ardá e Maria del Carmen Martínez Rodríguez, coa que se pretende render homenaxe a todas as persoas que contribuiron co seu apoio económico, a súa colaboración solidaria, de forma anónima e desinteresada, á modernización do panorama educativo entre os anos de 1916 e 1930. Grazas a ese esforzo colectivo, centos de nenos e nenas puideron acceder de forma gratuita ás aulas e mellorar o seu nivel de instrución.O historiador Guillermo Llorca sinalou que antes da implantación das escolas de americanos, a situación escolar era realmente desoladora: falta de escolas en varias parroquias, locais mal dotados, sistema educativo anticuado, carencia de material didáctico e elevadas taxas de analfabateismo, maioritariamente na poboación escolar feminina. A partir de 1916 agromou entre nós unha radical transformación educativa grazas á implantación dos planteis escolares Concepción Arenal e Curros Enríquez. De seguido, fixo un percorrido polos diferentes aspectos que se abordan na exposición: as causas do éxodo emigratorio, as condicións de embarque, os países de acollida, os traballos nos países de acollida e o contexto educativo no período 1900-1970.
Pola súa banda, o alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, agradeceu a implicación das comunidades educativas dos centros de ensino para con este programa así como de todas as persoas que o fixeron posible. Fixo un chamamento a non esquecer o noso pasado e rematou a súa intervención coa máxima das Sociedades de Instrución que a comezos do século vinte saía publicada en “Ferrol y su comarca”: “eduquemos aos máis novos e todo cambiará milagrosamente”
Pechou o acto o TradiCoro da sociedade Airiños de Fene interpretando a habaneira “Foi como un soño” da autoría de Antón Seoane-Milladoiro, que forma parte da banda sonora da película “O lapis do carpinteiro”.
Na inauguración tamén participaron, caracterizados de indianos, os membros do grupo de teatro “Xosé María Pérez Parallé” do CMI Unidade de Fene.
A mostra pode visitarse até o 16 de decembro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:00 h e de 16:00 a 21:00 h. Os sábados só en horario de 10:00 a 13:00 h.
O programa de actividades continuará hoxe ás 20:00 h, coa conferencia que pronunciará o historiador Guillermo Llorca sobre a Sociedade de Instrucción Naturais de Fene.