CORPORACIÓN MUNICIPAL
Manifesto da Corporación Municipal de Fene no día Mundial pola eliminación da violencia contra a muller
25-11-2016
Tres décadas pasaron dende que o primeiro Encontro Feminista de Latinoamérica e do Caribe (Bogotá,1981) propuxo o 25 de novembro como día Mundial pola eliminación da violencia contra a muller, como denuncia dos múltiples tipos de violencia que sufrían as mulleres. Esta data lembra ás irmás Mirabal, asasinadas polo seu activismo a mans da policía secreta do ditador Trujillo (República Dominicana). Hoxe, segue a haber asasinatos con nome de muller, polo feito de selo. O Instituto da Muller cifra en 40 o número de mortes no que levamos de ano, polo que segue a ser preciso un día que simbolice a lacra e a loita, que siga a visibilizar a violencia contra as mulleres nos diferentes tempos e espazos.Chegan novas de que nenas e mulleres son asasinadas e vítimas de agresións constantes en calquera punto xeográfico. Iso vémolo e sabémolo, pero tamén é importante que poñamos luz na realidade cotiá que vivimos e que queda invisibilizada pola súa sutileza e normalidade. Nesa realidade, as nosas fillas e fillos sofren discriminación por razón de sexo cada día en calquera dos ámbitos posibles: familiar, escolar, social... con especial presenza nos medios de comunicación e publicidade.
Este sexismo vai asentando unha idea do que significa ser, sentir e facer, segundo sexamos homes ou mulleres, consolidando unha relación desigual no seu valor e reparto de privilexios. Esta base sustenta múltiples comportamentos que exemplifican o exercizo do poder dun sexo e a negación de dereitos e oportunidades do outro.
A actuación política debe traballar nun acordo integral, que teña en consideración todas as dimensións que inflúen na violencia machista, revisando e cumprindo a lexislación vixente, reservando partidas orzamentarias para os plans estratéxicos de prevención universal, poñendo en marcha protocolos de coordinación interprofesionais, proporcionando apoio no ámbito xurídico, educando nas emocións e reivindicando modelos de persoas libres e seguras.
A través deste manifesto damos voz a todas as mulleres vítimas da violencia machista, así como ás fillas e fillos de familias rotas polo exercizo do poder patriarcal.
Hoxe, as mulleres e homes da corporación do concello de Fene lembrámonos do camiño andado, do recoñecemento dos factores que inciden nas diferentes caras do machismo, e comprometemos o noso traballo coa loita pola igualdade e a convivencia.
Seguiremos facendo camiño, conscientes de que non só é importante a conmemoración dun día, senón que durante todo o ano hai que dispoñer de recursos eficaces e integrais.
Expresamos o noso apoio a todas as vítimas, e o compromiso de desenvolver todas as actuacións municipais que dependan do noso quefacer para previr e intervir en todas aquelas situacións que sexa preciso