ALCALDIA
A Demarcación de Costas comeza a reparar a pasarela da praia de San Valentín
28-11-2016
A pasarela vai desde o cabo do paseo marítimo ata o lugar de Conces de Abaixo, preto do límite co Concello de Neda. É unha estrutura construída hai dez anos polo propio ministerio como parte dun proxecto de mellora da accesibilidade costeira. Naquel momento o Estado investira máis de 3 millóns de euros en quince actuacións repartidas polo litoral de toda a provincia.Porén, en dez anos o paso do tempo, as mareas e o uso mellaron táboas e soportes. Unha circunstancia que o Concello puxo en coñecemento da Demarcación de Costas para que se lle dese unha solución urxente. Trátase dunha zona pola que diariamente pasan ducias de persoas paseando ou facendo deporte e que, ademais, forma parte dos itinerarios deseñados polo departamento de Turismo para coñecer o territorio.
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente encargoulle a reparación á empresa TRAGSA, que comezou hai uns días a substitución completa de case 50 metros da pasarela. O primeiro paso que se deu foi o de retirar os pilotes, as varandas e o entarimado de táboas danadas. O seguinte é reconstruír o tramo con materiais novos e reforzándoo con formigón polo lado da ribeira.
Segundo comentaban na mañá deste venres un dos encargados da obra, se todo vai sobre o previsto, a pasarela podería abrirse de novo ao público nuns dez días.
Xuntanza con Portos de Galicia
E en relación co mantemento da banda fenesa da ría, o alcalde, Juventino Trigo, e o concelleiro de Obras, Justo Martínez, manterán unha xuntanza este luns ao mediodía en Santiago co director do ente público Portos de Galicia, José Ignacio Villar.
Segundo informa o rexedor local na reunión abordarase, entre outras cuestións, a recuperación da ribeira de Barallobre.