CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO
Juan Carneiro falará este martes na Casa da Cultura sobre as sociedades de instrución de Mugardos dentro dos actos do centenario das escolas indianas
28-11-2016
O próximo evento terá lugar este martes a partir das 20.00h. na Casa da Cultura-Museo do Humor da man do investigador Juan Antonio Carneiro Rey, quen falará sobre as sociedades de instrución de Mugardos. O mércores á mesma hora tocaralle a quenda a Ernesto López Naveiras para tratar o traballo da Alianza Aresana e da Sociedade de Instrución Redes-Caamouco.A charlas destes dous serán encádranse nas sesións organizadas para achegar unha perspectiva histórica sobre as orixes, as motivacións e as vicisitudes da execución das escolas fundadas polo colectivo emigrante na zona. Un fenómeno que tivo especial repercusión no municipio de Fene -da que xa falou Guillermo Llorca a semana pasada-, pero tamén en Ares e Mugardos así como noutras partes da comarca e da Galicia do primeiro terzo do século pasado.
Deste xeito, mañá martes ás 20.00h., Juan Carneiro repasará o compromiso educativo da emigración de Mugardos en Cuba, con especial mención ao traballo desenvolvido na época pola Unión Mugardesa da que formaban parte persoas asentadas noutras partes de América. Pola súa banda, Ernesto López Naveiras falará o mércores á mesma hora e no mesmo lugar da Sociedade de Instrución Redes-Caamouco e da Alianza Aresana -fundada en 1904- como unha das pioneiras do movemento socioeducativo impulsado desde Ultramar que posteriormente se estendería por grande parte de Galicia.
O ciclo de conferencias organizadas dentro do aniversario das escolas indianas de Fene compleméntase coa exposición "Centenario das Escolas de Emigrantes 1916-2016, O ensino en Fene", comisariada por Guillermo Llorca. Está composta por 16 paneis explicativos que resumen os principais fitos do legado educativo indiano xunto con fotografías, documentos orixinais e mesmo material da época procedente do arquivo municipal ou cedido polo Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). A exposición permanecerá aberta ata o 16 de decembro con horarios de apertura de 10 a 13.00h. polas mañás e de 16 a 21.00h. polas tardes durante a semana. Os sábados pode visitarse de 10 a 13.00h., mentres que os domingos e festivos permanecerá pechada.
En paralelo, a Biblioteca Municipal tamén dispón dunha escolma bibliográfica con variados e interesantes fondos sobre a emigración para quen queira ampliar coñecementos sobre o tema. Materiais que, de seguro, lle serán de moita utilidade á mocidade que participe no I Concurso de Investigación Histórica convocado polo Concello entre o alumnado de ensino secundario, bacharelato e ciclos formativos.
O certame pretende promover o estudo e a investigación sobre distintos aspectos relacionados coas escolas de instrución fundadas polos emigrantes galegos nos concellos de Fene, Mugardos e Ares. Para realizar os seus traballos, a mocidade participante poderá partir tanto da bibliografía existente na biblioteca como da exposición ou as charlas que rematan o mércores. O prazo de presentación dos traballos finalizará o 22 de decembro. Ata ese día tamén se promove nos colexios de Fene unha recollida de fotografías escolares antigas achegadas pola rapazada. A idea é conseguir instantáneas do pasado para dixitalizalas e publicalas posteriormente en formato dixital na web do proxecto.
Blog sobre o centenario das escolas
A raíz do “Centenario das Escolas Emigrantes, 1916-2016. O ensino en Fene”, o Concello tamén puxo en marcha unha web específica que sirva como diario de todas as actividades organizadas e, ao mesmo tempo, como colector desde o que darlle difusión ao papel da diáspora na construción educativa do municipio e do resto do País.
O sitio publicouse hai uns días no enderezo escolasdeemigrantes.fene.gal e recolle noticias, galerías fotográficas dos distintos eventos e mesmo a versión dixital da exposición aberta na Casa da Cultura.
Na mesma liña, o Concello de Fene reeditou un vídeo sobre as escolas de indianos producido a mediados dos anos 80 polo Taller Municipal de Vídeo. A obra audiovisual conta con importantes testemuñas, entre as que destacan as de membros das Sociedades de Instrucción xa desaparecidos ou as do xornalista José Benito Puentes, correspondente de Fene de xornais coma o Faro de Vigo ou La Voz de Galicia.Na programación co gallo do centenario do legado educativo da emigración colaboran a Deputación da Coruña e os centros de ensino do municipio, o CPI A Xunqueira, o CEIP O Ramo, o CEIP Os Casais, o CEIP Centieiras, o CPR Jorge Juan e o IES de Fene.