A exposición fotográfica "Vía Iacobitana I" recala en Fene durante o mes de decembro

CONCELLERÍA DE CULTURA E ENSINO

A exposición fotográfica "Vía Iacobitana I" recala en Fene durante o mes de decembro

A exposición vén aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén "perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias de quen a realizan", así como poñer en valor o labor de profesionais galegos da fotografía. Así, as imaxes exhiben a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido "xeneroso e aberto" da peregrinación xacobea e o seu "inesgotable poder de atracción". 
A colección de 50 fotografías é obra de Luis Gabú e Tino Diz. Nela plasman a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a experiencia de percorreren por si diversos itinerarios en distintas épocas do ano, recollendo coa mediación da cámara e a súa propia percepción xentes que fan o Camiño, a veciñanza que vive ao seu carón e o patrimonio cultural que salfire todas as rutas xacobeas. 
Rutas que, tal e como describe a ficha da exposición, están "ao alcance de calquera que desexe sentir en carne propia unha experiencia milenaria vencellada a unha xeografía sagrada única, a un itinerario universal e aberto, berce da cultura occidental e expresión refinada dunha civilización en marcha".
"Vía Iacobitana I" leva percorridos numerosos concellos galegos durante este 2016 e mesmo se ten presentado noutros lugares do Estado tocados polos itinerarios xacobeos. Agora chega a Fene, onde permanecerá aberta ao público no salón de plenos municipal durante todo o mes de decembro. A mostra inaugurarase este venres ás 12.00h. e a partir deste día poderá visitarse pola semana entre as 9 e as 14.00h. Os sábados, domingos e festivos permanecerá pechada