ALCALDÍA
Portos de Galicia decántase pola demolición das vellas instalacións de Fondomar como paso previo á recuperación da ribeira de Barallobre
29-11-2016
O rexedor local cualificou o encontro como "moi positivo" e destacou a "receptividade" do máximo responsable de Portos de Galicia con respecto ás propostas municipais para recuperar a ribeira de Barallobre. En principio, Juventino Trigo e Justo Martínez puxeron enriba da mesa todas as posibilidades, incluída a remodelación da nave de Fondomar para dotala de equipamento que permita usos vencellados ás actividades marisqueiras, deportivas, sociais e turísticas. Unha opción, a da remodelación, que Portos desbota debido ao mal estado das instalacións que, segundo un informe técnico do organismo, non serían aptas para rehabilitar nin para albergar actividade.A alternativa que, segundo parece, será a que saia adiante é a de derrubar as instalacións xunto co peche perimetral e recuperar o contorno -duns 3.300 metros cadrados- como zona verde de cara a que, nunha segunda fase, se poida construír alí unha nova edificación. Nela ubicaríanse dependencias para a reparación de embarcacións e outro material de traballo de mariscadores e mariscadoras, espazos para entidades relacionados coas actividades acuáticas -como por exemplo a vela, o piragüismo ou o submarinismo- e incluso cabería a posibilidade de destinar unha parte a usos hostaleiros.
Ideas todas elas expostas na xuntanza de traballo con Juan José Durán, con quen tamén se falou do estado da antiga EDAR de Maniños. A depuradora -en desuso desde hai anos trala entrada en funcionamento da nova estación situada en Chanteiro- encóntrase na súa maior parte en terreos de Portos de Galicia, e de aí que o goberno local lle propuxese ao ente público que asuma a demolición destas instalacións dentro do mesmo proxecto que se leve a cabo para as de Fondomar, situadas a escasos 200 metros.
Para o executivo local, o encontro en Santiago coa dirección de Portos de Galicia supón "un paso firme" para recuperar a ribeira de Barallobre e a resposta "a unha demanda veciñal de moitos anos" expresada pola Liga de Amigos de Barallobre e outros colectivos sociais. O alcalde confía en que a execución dos traballos poida iniciarse ao longo de 2017.