ALCALDÍA
Fene repara o abastecemento de auga na rúa Riveiroa
05-12-2016
A empresa concesionaria do servizo comezou recentemente uns traballos cos que se pretenden cortar de raíz as contínuas roturas nas tubaxes que provocaron cortes no servizo e numerosas queixas veciñais. Porén, as obras non rematarán aí xa que, tan pronto como acabe Viaqua, a Deputación aglomerará o tramo de rúa que tamén require unha reparación urxente.A rúa conecta a estrada da Palma (a AC-133) co peirao de Barallobre, situado 300 metros máis abaixo. As obras que se están levando a cabo buscan solucionar un problema recorrente na zona onde, segundo a Concellaría de Obras, son habituais as roturas das tubaxes de abastecemento.
A instalación actual ten varias décadas de antigüidade e está feita con conducións plásticas que, co paso do tempo, foron crebando en distintos puntos e tamén en distintos momentos, provocando tanto cortes na subministración como progresivo deterioramento dunha estrada relativamente nova.
A solución técnica no tocante ao abastecemento consiste en abrir unha zanxa, sacar os tubos e poñer outros novos de PVC máis resistentes, máis flexibles e tamén con máis capacidade. Un traballo ao que se dedica un equipo con varios efectivos e maquinaria de escavación que durante as mañás manteñen cortado o acceso á rúa desde o cruzamento con Pérez Parallé.
Os labores de substitución das canalizacións finalizarán en breve, pero aínda faltaría repoñer o pavimento do tramo comprendido entre a AC-133 e o lavadoiro existente na costa da rúa Riveiroa. Diso encargarase a Deputación, posto que se trata dunha vía de titulariedade provincial (a rúa Riveiroa é tamén a DP-3505).
A previsión é iniciar a reparación da estrada tan pronto como remate a reposición do sistema de abastecemento. Unha actuación que o organismo provincial ten enmarcada no plan de conservación e mellora da súa rede viaria para este 2016, cun investimento lixeiramente superior aos 8.000 euros.