CONCELLERÍA DE ENSINO
O alumnado do CEIP de Centieiras expón no Concello os seus traballos sobre o outono
07-12-2016
Máis de medio cento de nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e 5 anos participaron nesta actividade desenvolvida no centro de ensino co obxectivo de traballar sobre o coñecemento do medio e o descubrimento da riqueza botánica do concello.No último trimestre foron recollendo en parques e bosques centos de follas, pólas e froitos que despois clasificaron por especies e gardaron en caixas. De feito, o título da exposición aberta desde hoxe no acceso ao Concello é ese, "Caixiñas de Outono", que escolman a diversidade da flora que está nesta época do ano en todo o seu esplendor.
Castañas, ourizos, landias, mazarocas de millo, mazás, cabazas, noces e un longo etcétera forman un mosaico outonal composto por case 60 cadros dispostos en tres paneis expositivos que se poderán ver ata o día 20 deste mes.
Aproveitando a visita ao Concello -na que fixo de guía a titular da área de Ensino, Mª Carmen Martínez-, o alumnado de Centieiras e mailos seus mestres e mestras tamén pasaron por Radio Fene para cantaren e recitaren poesías relacionadas con este outono atípico que está a piques de rematar.