O campo do Pote tínguese de negro antes da chegada do mal tempo
14-12-2016
As previsións do tempo anuncian auga a partir deste mércores. Por esta razón durante toda a xornada do martes estiveron acelerándose os traballos de aglomerado do futuro campo de herba artificial do Maniños. A bonanza climática das últimas semanas permitiu levar adiante as obras de nivelado do terreo e antes que chova é preciso cubrilo cunha capa asfáltica sobre a que despois se estenderá o céspede sintético.
As obras no recinto do Pote comezaron a primeiros de novembro contando cun prazo de execución de 45 días. As estimacións da dirección de obra municipal apuntan a que pode haber un exceso de arredor dunha semana sobre as previsións iniciais, debido en boa medida ás dificultades atopadas para compactar e nivelar o terreo por causa da humidade acumulada nas capas inferiores.
Porén, unha vez solventado este inconveniente, agora o que toca é apresurarse a cubrir o campo con aglomerado. Un material que actuará como paraugas da base ante a inminencia da choiva e que, ademais, será o que sustente o manto de herba artificial que se comezará a instalar, previsiblemente, a semana que vén.
A nova área deportiva estará ocupada en todo o largo por unha cancha para fútbol 11 e con outras dúas dispostas ao ancho para fútbol 7, o que facilitará a disputa de campionatos e torneos con partidos simultáneos nesta modalidade.
O contrato das obras tamén contempla a subministración de tres xogos de porteirías, dúas fixas para o campo grande e catro móbiles para os dous campos pequenos, ademais da colocación dunha varanda que peche o terreo de xogo, dous banquiños metálicos, o aglomerado do perímetro e a instalación de todo o sistema de rega que os campos artificiais tamén necesitan.
As obras de conversión do campo do Pote suporán un investimento superior aos 298.000 euros sufragados integramente pola Deputación da Coruña a través dun convenio suscrito co Concello de Fene. O recinto é a sede do Maniños, que aliña 9 equipos nos que xogan 136 deportistas entre os sénior, as categorías de base e o conxunto da liga feminina de fútbol 8.