A investigadora María Lois presenta en Fene o seu estudo sobre o nacionalismo no concello
29-12-2016
A profesora de Xeografía Política da Universidad Complutense de Madrid María Lois presentou este mércores salón de sesións do Concello de Fene a súa obra “Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista”, na que se analiza a evolución do nacionalismo galego representado polo BNG a través dos exemplos de Fene e Allariz. O libro é resultado da súa tese de doutoramento finalizada en 2007, pero que viu a luz en formato libro oito anos despois da man de Trama Editorial. Nela destácanse como chaves do asentamento en Fene do proxecto nacionalista tanto as particulariedades socioeconómicas do municipio como o activismo político vencellado ao tecido social.
Na presentación do libro, Lois estivo acompañada do alcalde, Juventino Trigo, quen lle agradeceu á autora que convertise a Fene en “protagonista” deste estudo que aborda a etapa 1977-2005.
Pola súa banda, a profesora e investigadora da UCM tamén tivo palabras de agradecemento para o Concello, nomeadamente para a arquiveira municipal, María del Mar Fontela, e para o director de Radio Fene, Henrique Sanfiz, pola súa axuda na fase de preparación do traballo en que, ademais de buscar información noutras fontes, María Lois tamén analizou “unha por unha” todas as actas dos plenos celebrados no período que abrangue a súa tese de doutoramento.
Ao respecto do contido do traballo, a autora especializada en xeografía política sinala como factor determinante a elección de Fene por tratarse dun dos concello “onde houbo un goberno continuado nacionalista desde 1979, que marcou moito unha forma específica de facer política tanto nos plenos como nas rúas”. Neste sentido, Lois vencella a realidade sociopolítica á influencia dos movementos no estaleiro e, por outra banda, ao papel representado polo tecido asociativo “que liga as dinámicas do estaleiro co movemento veciñal e dos partidos políticos”. Unha mobilización veciñal “constante” que, segundo a investigadora “é fundamental para entender o camiño do nacionalismo galego en xeral e de Fene en particular”.
Na tese tamén se menciona o nacemento do colectivo Avante impulsado desde Fene a finais dos 80 como corrente dentro do BNG e con representantes como o desaparecido Pancho Allegue ou incluso o último candidato socialista á Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, na súa época de militancia nacionalista. María Lois cualifica o movemento como un “intento fundamental por converter o BNG nunha alternativa de goberno” que tería axudado á “evolución” do partido, ademais de ser “un viveiro de xente con visión política e de país”.
Trala presentación do libro “Construir Galicia(s). Lugar, elecciones y política nacionalista”, a investigadora tamén se referiu aos xeitos de facer política na actualidade -cun uso marcado das redes sociais e da comunicación a través dos medios- sinalando que “moitas veces, cando se articula a política de forma rápida, dunha forma electoral, olvídámonos de que hai unhas traxectorias previas que hai que respectar. Estamos onde estamos -cunha sanidade e unha educación públicas, por exemplo- porque os que estaban antes ca nós loitaron por elas. Ás veces olvidámonos que todo iso é resultado dunha loita”. Lois reivindicou en contraposición con esta dinámica, unha política “de cara a cara, un activismo de día a día que tamén son importantes”.