O Concello de Fene axiliza o pagamento das subvencións para as entidades sociais do municipio
30-12-2016
Durante estes días o Concello de Fene está ordenando o pagamento das subvencións dirixidas a entidades sociais, culturais e deportivas do municipio correspondentes tanto á liña de axudas en concorrencia competitiva como a convenios nominativos para o desenvolvemento de actividades. A medida tenta axilizar ao máximo a percepción das contías por parte das entidades e, no caso das subvencións en concorrencia competitiva, continuar acurtando os prazos de resolución da convocatoria para axustala o antes posible ao ano en curso.
A este respecto cómpre ter en conta que a liña de subvencións competitivas que agora se está ingresando é a correspondente ao ano 2015. O prazo de solicitude abriu o día 30 de novembro e rematou o pasado día 16 polo que, en escasos 10 días, os servizos municipais foron capaces de revisar toda a documentación e ordenar o adianto dos cartos ás entidades -un 70% da cantidade asignada-, que a partir de agora poderán achegar as facturas xustificativas e percibir o 30% restante.
Segundo o departamento de Cultura nos últimos días transferíronselles un total de 78.397,96 euros a 24 sociedades culturais, clubs deportivos e ANPAs que se acolleron á convocatoria municipal para sufragar a programación desenvolvida o ano pasado.
A intención do Concello é continuar axilizando a tramitación e a resolución dos expedientes coas miras postas en corrixir este retraso o antes posible, de maneira que as entidades poidan solicitar e percibir as axudas no mesmo ano en que organicen as súas actividades.
Convenios nominativos
O que si está ao día é a resolución das subvencións nominativas destinadas a 19 entidades cidadás para actuacións e eventos concretos durante este 2016. A consignación económica -47.500 euros en total- aprobouse a primeiros de outubro incrementando a contía e o número de entidades beneficiarias, aumentando a contribución municipal ao mantemento de comedores escolares e destinando unha partida tamén maior ás entidades prestadoras de servizos sociais.
De todas elas, 16 xa percibiron nestes días o 100% do convenio, logo de presentaren as contas xustificativas das actividades subvencionadas. Quedarían pendentes de facer este trámite Cáritas, Aspanaeps e a fundación Amigos Galicia que, porén, teñen aprobada xa a resolución da subvención.
Entre a convocatoria de subvencións en concorrencia competitiva de 2015 e a liña nominativa o Concello de Fene destinará 130.000 euros a apoiar o tecido asociativo, sociocultural e deportivo do municipio.