O pleno dalle o visto e prace ás bonificacións do IBI para sete entidades sociais do municipio
30-12-2016
A corporación de Fene reuniuse a primeira hora desta mañá nun pleno convocado con carácter extraordinario e urxente para aprobar a bonificación dun 95% no imposto de bens inmobles da que se beneficiarán sete colectivos do municipio. O acordo refírese, en primeiro lugar, á declaración do especial interese ou utilidade municipal das actividades económicas que desenvolven as entidades municipais nos seus locais e, en segundo lugar, en comunicarlle o acordo adoptado ás interesadas e á Deputación para que aplique a bonificación a partir do ano que entra.
O asunto tratado no pleno é resultado directo doutro acordo tomado na sesión do pasado 3 de novembro, cando se modificou a ordenanza reguladora do imposto para incorporar ás posibilidades de bonificación todos aqueles inmobles pertencentes a entidades sociais onde se desenvolvesen actividades económicas. Iso si, previa solicitude da citada bonificación e previa declaración por parte do pleno do "especial interese ou utilidade municipal" desas actividades por concorrer "circunstancias sociais, culturais ou histórico-artísticas" que xustifiquen tal declaración.
Trala entrada en vigor da modificación da ordenanza foron un total de sete entidades do territorio as que presentaron a solicitude e a documentación xustificativa desas circunstancias. En concreto a SCRD Agarimo de Sillobre, a A.VV. San Xurxo de Magalofes, o CPS de San Valentín, o CMI Unidade de Fene, a ACRD O Pote de Maniños, a ACDR Liga de Amigos de Barallobre e o CCRD de Perlío.
O informe emitido polo xestor de actividades de Cultura e Normalización lingüística avala todas as peticións por considerar que se cumpren as condicións sinaladas na ordenanza e apuntando, ademais, que os equipamentos que se beneficiarán da bonificación, malia ser de titulariedade privada, "utilízanse para fins públicos".
A convocatoria extraordinaria e urxente do pleno para esta mañá con este único punto na orde do día obedece ao interese municipal porque a bonificación teña efecto para as entidades solicitantes xa na anualidade 2017. Neste sentido, o acordo da corporación incluiu tamén a comunicación á Deputación tanto dos datos das asociacións como das referenzas catastrais dos inmobles aos que lles será de aplicación a rebaixa dun 95% na "contribución". Unha rebaixa que as sete entidades beneficiarias non terán que solicitar no futuro a menos que cambie o obxecto ao que estean destinados os inmobles.
Desde o Concello sinálase tamén que esta posibilidade está aberta a todas as entidades socioculturais do municipio que se atopen nas mesmas circunstancias, é dicir, con locais en propiedade onde se desenvolva algún tipo de actividade económica relacionada con fins sociais. Abonda con presentar a solicitude formal xunto coa documentación xustificativa e, de cumprirse os requisitos, emitirase o correspondente informe ao que despois se lle deberá dar o tamén correspondente visto e prace plenario.