As entidades sociais de Fene teñen ata o 14 de febreiro para presentaren a xustificación das axudas para actividades desenvolvidas en 2015
18-01-2017
As 24 organizacións socioculturais que se acolleron á última convocatoria de subvencións para cultura e deportes en rexime competitivo poderán presentar no Rexistro Xeral ata o 14 de febreiro a documentación xustificativa dos gastos efectuados en actividades durante 2015. Este requisito permitiralles cobrar o 30% do importe das subvencións que aínda quedaba pendente, despois de que en decembro recibisen do Concello o outro 70% do total concedido. O departamento de Cultura e Deportes busca deste xeito acelerar o peche da convocatoria de 2015 para abrir o antes posible a correspondente ás actividades de 2016 e, deste xeito, continuar reducindo os tempos ata facer coincidir as liñas de axuda co ano en curso.
O Concello de Fene abriu o prazo de solicitude das axudas a finais de novembro cunha dotación orzamentaria de 82.500 euros para seren distribuídos en concorrencia competitiva entre entidades socioculturais, clubes deportivos e ANPA’s do municipio.
A esta liña acolléronse 24 organizacións que xa en decembro -menos dun mes despois de publicada a convocatoria- percibiron o 70% da contía asignada para axudarlles a sufragar o gasto en actividades desenvolvidas durante o 2015.
Agora deben presentar a documentación xustificativa deses gastos xunto coa correspondente folla de resume e a declaración doutras subvencións percibidas. As fichas normalizadas xa lles foron remitidas ás entidades e, ademais, están dispoñibles para descarga no apartado de avisos da web municipal www.fene.gal.
O prazo de presentación finaliza o 14 de febreiro e, unha vez que se aproben as contas xustificativas, o Concello libraralle a cada entidade o 30% restante da axuda. Se todo vai sobre o previsto, Cultura e Deportes podería ter completamente resolta a convocatoria de 2015 antes de marzo ou, dito doutro xeito, tres meses despois de ter aberto o prazo de solicitude.
Un tempo récord que axudará a normalizar o retraso que levan as liñas de subvención en concorrencia competitiva. A intención do departamento é ir minorando o desfase co obxectivo de que as axudas se convoquen para as actividades que se realicen no mesmo ano, igual que ocorre coa liña de subvencións nominativas. De feito, a esta última liña -dotada con 47.500 euros- acolléronse 19 entidades con propostas para 2016. Ás 16 que achegaran a documentación xustificativa en decembro o Concello transferiulles a contía asignada antes de que acabase o ano.