A Xunta calcula que a antiga Rubber quedará libre de pneumáticos no prazo de tres semanas
23-01-2017
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, visitou este venres as instalacións da antiga Rubber para ver o desenvolvemento dos traballos de retirada dos pneumáticos alí amoreados desde hai case dúas décadas. Acompañada do alcalde, Juventino Trigo, e da responsable da área municipal de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, a conselleira informou de que a maior parte dos residuos serán reciclados e que a parcela quedará limpa nun prazo aproximado de tres semanas.
Segundo explicou a conselleira en Fene trabállase “in situ” mediante unha planta móbil, que realiza un triturado e clasificación das diferentes fraccións valorizables que compoñen o pneumático: caucho, metal e fibras téxtiles. Os pneumáticos son residuos cun alto compoñente de material reutilizable, con novos usos como recheos de céspede artificial, solos de parques infantís, preparados para estradas, pantallas acústicas de redución de ruídos ou mesmo redutores de ondas.
A previsión que manexa a Consellería é que os traballos queden concluídos nun prazo máximo de tres semanas. Xunto con baleirado da zona de Santa Ana tamén se levará a cabo unha avaliación do estado do chan, para determinar o estado dos terreos da antiga instalación na que está depositado este residuo caracterizado como “non perigoso”.
O alcalde, Juventino Trigo, expresou a súa satisfacción polo feito de que “por fin” se lle dea unha solución ao problema “tras anos de presión social e de retrasos” xa que, segundo asegurou o rexedor, a situación do contorno da antiga factoría de recauchutados “supuña un serio perigo potencial para o ambiente e para a veciñanza”.
Juventino Trigo afirmou tamén que durante a visita se aproveitou para avanzarlle a Beatriz Mato algúns dos proxectos nos que traballa o Concello de Fene en materia ambiental, como a posta en marcha do punto limpo do Vilar do Colo ou o plan de rexeneración do cauce urbano do Cádavo. Asuntos que o Concello quere tratar coa Xunta "con máis detemento" nun encontro formal que, segundo o alcalde, se solicitará "esta mesma semana".