Fene contratará sete persoas desempregadas con cargo ao Programa de Integración Laboral da Deputación
31-01-2017
Fene participará neste 2017 no Programa de Integración Laboral impulsado pola Deputación da Coruña no marco do Plan de Emprego Local 2016-2019, co que se pretende dinamizar a economía e a xerar emprego nos municipios da provincia.
Ao Concello correspondéronlle 52.000 euros cos que se contratará a 7 persoas en situación de desemprego e pertencentes a algún colectivo con especial dificultade para atopar traballo. De momento non hai data fixada para iniciar o procedemento de contratación, xa que aínda se está tramitando a documentación perante a Deputación. O que si se pode adiantar é que os postos se cubrirán a partir dun listado de aspirantes enviado polo Servizo Público de Emprego de Galicia e tamén que os contratos das persoas seleccionadas serán dun 75% da xornada e durarán 4 meses..
Os perfís que se lle solicitarán ao SPEG son os de 6 persoas para ocupar postos de peonaxe de obra e, a maiores, unha coa categoría de oficial ou oficiala en albanelaría. Sete persoas en total que lle darán apoio á brigada municipal de obras facendo tarefas de todo tipo dentro das permitidas polo programa provincial, como poden ser os labores de limpeza viaria, os de mantemento de parques e outras pequenas actuacións relacionadas con servizos públicos.
A propia convocatoria da Deputación indica cales son os requisitos do persoal que poden contratar os concellos. Neste sentido cómpre que as persoas aspirantes estean desempregadas e nalgunha situación das denominadas de exclusión laboral. Por exemplo, ser maiores de 45 anos, levar en desemprego máis de 2 anos, ter un grao de discapacidade igual ou superior a un 33%, ser muller, ser vítima de violencia de xénero, non ter fogar, pertencer a unha familia onde ninguén ten traballo, vivir nun fogar monoparental, etc.
A Deputación tamén apunta nas bases que nos procesos de contratación “valorarase como mérito” ter finalizado favorablemente programas de capacitacón, formación e integración no mercado laboral organizados e/ou financiados polas Administracións Públicas.
O Programa de Integración Laboral é unha liña específica para municipios de menos de 20.000 habitantes dotada con 3 millóns de euros para esta anualidade que se distribuirán entre 82 concellos. Fene entra no módulo con contía máxima xunto con Rianxo, Betanzos, Ordes, Sada, Teo e Boiro, aos que lles corresponde unha achega máxima de 52.000 euros para cubrir os custos dos contratos -salarios, seguridade social, formación en PRL e indemnización por fin de contrato-.
Este programa impulsado pola Deputación da Coruña encádrase no Plan de Emprego Local 2016-2019. Unha estratexia que disporá de 30 millóns de euros para o cuatrienio e que irá dirixida tanto a municipios como ao fomento do emprendemento e o apoio ao tecido empresarial que conforman as pemes.