O Concello recomenda estremar as precaucións por mor do temporal e ordena o peche do campo dos Pinares
02-02-2017
Para a xornada deste xoves e a de mañá venres hai decretadas alertas por causa do vento e auga. No caso da chuvia o aviso é de nivel amarelo, aínda que tornará a laranxa a partir das 15.00h. O maior perigo é o vento, que xa zoou duro esta noite e sobre o que hai un aviso laranxa en terra e vermello na costa, onde a altura das ondas podería superar os 8 metros.
Con esta situación o Concello de Fene recomenda estremar as precaucións nos desprazamentos e evitar as actividades ao aire libre. Neste sentido comunicóuselles xa aos clubes locais que teñan coidado nos adestramentos previstos para hoxe e, ademais, a Concellaría de Cultura e Deportes ordenou o peche do campo de fútbol dos Pinares durante a xornada de mañá venres.
No correo remitido pola coordinadora municipal de Deportes infórmaselles ás entidades do aviso de alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos decretado pola Xunta de Galicia para hoxe e mañá, ademais de aconsellarlles “que se tomen as precaucións oportunas” en relación cos adestramentos programados para esta tarde-noite.
No correo tamén se informa da clausura do campo dos Pinares durante o venres, cando toda Galicia estará baixo unha alerta amarela por auga e laranxa por vento, agardándose refachos superiores aos 100 quilómetros por hora. A medida preventiva tómase “de cara a evitar calquera tipo de incidente coas persoas usuarias da instalación”. Neste sentido tamén se lles indica aos clubes a necesidade de adiar calquera encontro que houbese previsto para mañá.
A costa galega está hoxe en alerta vermella por vento e altura das ondas desde a desembocadura do Miño ata Bares. Na terra só hai aviso amarelo -o de menor intensidade- por auga e vento. Pero a cousa irá a peor desde esta mesma tarde. Manterase o nivel vermello na costa e elevarase a laranxa por vento en todo o país. Unha situación que recomenda estremar as precaucións non só no deporte, senón en calquera actividade que se faga ao aire libre.
Os consellos que facilitan os servizos de emerxencias son os de limitar os desprazamentos e informarse antes de saír da casa, ter coidado coas caídas de árbores e outros materiais, asegurar calquera obxecto exposto ao vento e, sobra dicilo, baixo ningún concepto subirse ao tellado.
Iso en canto a unha alerta laranxa por vento. Pero se falamos dunha alerta vermella por ondas na costa, ao anterior hai que engadirlle a prohibición de facerse ao mar e a recomendación na que sempre se insiste de non achegarse a praias ou cantís.