ABANCA informa ao Concello de Fene de que non ten previsto pechar a oficina de San Valentín a curto prazo
06-02-2017
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, reuniuse esta mañá con representantes de ABANCA para recabar información de primeira man sobre o futuro da sucursal desta entidade en San Valentín, logo de que nos últimos días circulasen rumores dun posible peche. Segundo o rexedor local o director da oficina e os responsables de zona e da área territorial da Coruña informaron de que o banco non ten previsto pechar a oficina “a curto prazo” e que, en calquera caso, tal decisión comunicaríaselle previamente ao Concello.
Xunto con Trigo e os responsables de ABANCA, na reunión tamén participaron os voceiros do PP, do BNG, de EU e unha representante do PSOE. Tal e como explica Juventino Trigo, o encontro responde a unha petición urxente do executivo local despois de que a semana pasada o CPS de San Valentín avisase do ruxe-ruxe sobre o inminente peche da oficina. Un rumor que se estendeu rapidamente polo barrio e que, segundo Trigo, “causou bastante preocupación entre os veciños e veciñas”.
Na xuntanza desta mañá ABANCA aclarou que si houbo movementos a nivel local, xa que o actual director da sucursal de San Valentín tamén se ocupará agora da oficina de Naturales de Fene. Porén, sobre o peche da oficina, nada de momento.
“O único que houbo foi un cambio de dirección”, explicou o rexedor local á saída da reunión. Juventino Trigo engadiu que, tal e como informaron os representantes da entidade “con respecto á oficina de San Valentín non hai ningunha decisión tomada, vai seguir aberta nos próximos meses”.
Unha aclaración que Trigo toma con prudencia recalcando que ABANCA garantiu a permanencia da oficina “a curto prazo” pero que, porén, no encontro non houbo “ningún tipo de compromiso a longo prazo”, habida conta de que se trata dunha empresa privada.
O alcalde indica, ademais, que os representantes da entidade si se terían comprometido a que calquera decisión que se adopte neste sentido “comunicaraselle previamente ao Concello” co obxectivo de que dispoña de información de primeira man e de que non se reproduzan os rumores.
Para o rexedor local o mantemento d oficina bancaria de San Valentín "é fundamental" para moitos usuarios e usuarias de idade avanzada que residen no barrio máis populoso do municipio, pero tamén pola comodidade que ofrece e por tratarse dun elemento máis "de vertebración" da parroquia.