Finalizadas as obras do Camiño do Catalán
17-02-2017
O Camiño do Catalán, unha das estradas con máis tránsito da parroquia de Maniños, mostra desde hai uns días un novo aspecto e, ademais, tamén ofrece maior seguridade para o tráfico tralos labores de reparación acometidos polo Concello. A intervención consistiu no aglomerado de preto dun quilómetro deste eixo viario, cun investimento superior aos 40.000 euros financiados con cargo ao PAI 2016 da Deputación da Coruña.
O camiño do Catalán é unha das vías secundarias fenesas que máis tráfico soporta. Tras numerosas reparacións nos últimos anos o Concello decidiu facer un arranxo en profundidade que asegure mantela en bo estado durante varios anos.
Este foi o motivo de que no outono se iniciase o proceso de contratación duns traballos adxudicados finalmente á empresa Construcciones Canarga S.L. co obxectivo de eliminar numerosas fochancas, acondicionar rexistros -boa parte deles no medio da estrada- e repoñer a sinalización horizontal e vertical.
O proxecto municipal abrangueu desde o cruzamento da Brea -un dos lugares que máis danos presentaba- ata o lugar de Romariz, xa en Barallobre, ao longo dun trazado próximo ao quilómetro de distancia. Son exactamente 960 metros nos que, en primeiro lugar se fixo un varrido superficial, logo botouse unha imprimación asfáltica e, finalmente, aplicouse unha capa de rodadura aglomerada de 5 centímetros de grosor.
Desde o goberno local destácase que os traballos finalizados estes días buscan darlle resposta ás demandas da veciñanza da zona. Nas marxes do Camiño do Catalán hai 25 domicilios que só se poden servir por esta estrada que, ademais, é unha das máis empregadas para acceder ao cemiterio municipal e incluso ao polígono do Vilar do Colo.