Fene convoca un pleno extraordinario urxente
22-02-2017
Os cinco grupos da corporación fenesa están chamados para participar este mércores a partir das 10.00h. nun pleno de carácter extraordinario e urxente no que se someterá a votación como se van repartir os 775.000 euros do Plan Único de Concellos POS+ da Deputación da Coruña. Tras varias semanas de negociacións e tirapuxas entre goberno e oposición todo apunta a que finalmente se chegou ao consenso, ou alomenos así se desprende do resultado da Comisión de desenvolvemento territorial e do medio celebrada esta mañá, na que BNG, EU, PP e PSdeG-PSOE -Somos Fene non asistiu- aprobaron por unanimidade tanto o paquete de obras financiadas con cargo ao programa provincial como as contías que se destinarán a débeda e gasto corrente.
O POS+ é un plan que vén mudar as relacións entre os concellos e a Deputación no sentido de dotar aos municipios de maior autonomía sobre como repartir os fondos provinciais. A diferenza das anteriores anualidades en que se convocaban distintos programas, para este 2017 a Deputación preparou un único plan cunha dotación económica distribuída en tres apartados: unha parte fixa repartida con criterios semellantes aos do antigo POS, outra constituída con fondos procedentes de baixas nas contratacións de 2015 e unha terceira en forma de préstamo sen xuros similar ao antigo PAI.
O montante que lle tocou a Fene ascende as algo máis de 775.251 euros -340.482 de achega fixa desta anualidade, 209.527 procedentes da anualidade 2016 e 225.482 como préstamo-, unha cantidade que incluso se incrementará ao longo do exercicio, posto que o POS+ tamén é un programa dinámico que lles permitirá aos concellos recuperar as baixas que se produzan nos procesos de contratación de obras.
Comprender a nova mecánica de reparto dos fondos provinciais ten a súa dificultade para o público en xeral, pero para os concellos o cambio simplifíca considerablemente as cousas ao ter que levar a pleno un único documento co destino dos cartos que, no caso de Fene, se votará este mércores pola mañá.
A Comisión de desenvolvemento territorial e do medio reuniuse hoxe e aprobou por unanimidade a distribución, que contempla reservar arredor de 282.000 euros para gasto corrente, algo máis de 30.000 euros para a redución de débeda, uns 20.000 para a redacción de proxectos e máis de 460.000 para obras (17.000 euros ponos o Concello á marxe do POS+).
Na comisión deste martes mesmo houbo acordo unánime dos grupos presentes -só faltou Somos Fene- tras varias semanas de xuntanzas e pareceres diverxentes entre goberno e oposición. Os proxectos que se executarán serán a eliminación de verteduras de augas fecais no Carril (Barallobre); o reforzo do firme con regos asfálticos no camiño de Mundín (Perlío), na rúa Unión (Maniños) e no camiño de Lourenzá (Limodre); o arranxo do firme na rúa Alta (Perlío); a eliminación das verteduras de augas residuais en San Valentín; e, por último, a dotación dun saneamento de augas fecais por gravidade no Feal (Magalofes) e no Regueiro (Sillobre).
A maiores destes proxectos, o pleno tamén someterá a votación outros dous cifrados nun montante total de 186.668€. Ese importe correspóndese coa obriga de aprobar actuacións por un valor de alomenos o 20% do total do POS+, que se levarían adiante na medida que se xeren baixas nos procesos de contratación. Os proxectos propostos son a adecuación e mellora do camiño do Cádavo ás Chancas e a protección das marxes do río Cádavo, ambos en Perlío.
O pleno en que se votarán tanto os documentos técnicos como a distribución dos fondos está fixado para este mércores ás 10 da mañá. A convocatoria fíxose con carácter urxente debido a que o venres finaliza o prazo para presentar a documentación na Deputación.
O alcalde, Juventino Trigo, sinalou que “cabe agardar que a proposta saia adiante por maioría”, habida conta de que, segundo o rexedor, o BNG, EU, PP e PSdeG-PSOE se terían mostrado a favor dela na Comisión de desenvolvemento territorial e do medio celebrada esta mañá.