Charla sobre a praga da pataca
02-03-2017
Fene é un dos 31 municipios do norte de Galicia declarados en corentena por mor da Tecia Solanivora Povolny, máis coñecida como couza guatemalteca da pataca. Unha praga que acaba cos patacais e que mesmo se reproduce nos almacéns papando tamén as colleitas gardadas. Un problema, en definitiva, ao que se enfronta a produción de autoconsumo de toda a volta, desde Ares ata San Sadurniño e máis aló incluso, xa que tamén está en corentena todo o territorio desde Ortigueira até o occidente asturiano. Nesta situación a Xunta publicou unha serie de medidas coas que tentar conter o avance das avelaíñas e, ademais, está previsto que en cousa de días tamén se publique un decreto estatal que, case con total seguridade, prohibirá facer novas plantacións e obrigará a arrincar as existentes. O Concello de Fene a organizou para este venres a partir das 18.00h. unha charla informativa sobre a praga na Casa da Cultura impartida por persoal técnico da Consellaría do Medio Rural. No encontro falarase tanto da normativa como dos métodos de loita existentes.
A couza guatemalteca detectouse por primeira vez nas Canarias en 1999 e hai dous anos a administración constatou que saltara á península pola nosa zona precisamente, o que levou á Xunta a demarcar os concellos de Ferrol, Narón e Neda dentro dun plan de continxencia co que se tentaba confinar e eliminar a praga antes de que se propagase. Porén, en 2016 apareceron novos focos noutros municipios da comarca, concretamente en Cabanas, Ares, Mugardos, Fene, Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, As Pontes, Ortigueira e Mañón, ademais de todo o norte da provincia de Lugo e a parte asturiana máis próxima á fronteira do Eo. Estarían libres -por agora- Moeche, As Somozas, Cerdido, Cedeira e Cariño.
O avance da praga levou á Xunta a decretar a corentena que, en esencia, significa acometer medidas de control que impidan o seu avance, como son os trampeos masivos, traballos agronómicos que dificulten a súa reprodución e o emprego de insecticidas, ademais de prohibir a saída de tubérculos das zonas demarcadas.
Porén, ademais das actuacións de corentena, desde o 14 de febreiro está en vigor unha resolución que obriga a declarar perante a Xunta as parcelas sementadas con patacas facilitando, entre outros datos, a localización exacta do patacal, a superficie e a variedade que se puxese na terra.
E isto hai que facelo coas parcelas que xa están plantadas con pataca de cedo e coas que teñamos previsto sementar. E é que, malia estarmos en corentena por causa das avelaíñas guatemaltecas, de momento non hai normativa que nos impida botar as patacas.
Iso si, a Xunta insiste na súa recomendación de non plantar nas zonas demarcadas mentres non se aproba o decreto de ámbito estatal con medidas extraordinarias de loita. Esa normativa -que seguramente se publicará nuns días- recollerá o programa de control e erradicación do patóxeno e, tamén seguramente, obrigará á arrinca e destrución da colleita nas zonas afectadas en que a praga estea presente. O decreto tamén prohibirá sementar durante alomenos dous anos. E dicimos “alomenos” porque o programa de control tería unha vixencia inicial de cinco anos.
Polo tanto, de momento non está prohibido plantar, pero case seguro que o estea dentro duns días. E non só iso, se plantamos o máis probable é que teñamos que levantar todo o patacal sen que por agora se saiba se vai haber algún tipo de indemnización para a produción de autoconsumo que se perda.
As resolucións e as sucesivas informacións difundidas pola prensa sobre o borrador do decreto estatal, unidas ás recomendacións de Medio Rural, provocaron certa confusión entre os produtores e produtoras da comarca, na súa maioría xente que cultiva patacas para a casa. De aí que o Concello organizase unha charla informativa impartida por persoal técnico da consellaría.
Tal e como sinala a titular de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, “nos últimos días houbo moita información e tamén moitos rumores que provocaron desconcerto entre a veciñanza. Non sabemos se plantar ou non plantar, que pasará se plantamos, que debemos facer… por iso queremos que sexa persoal da Xunta quen informe publicamente da situación e de como se vai combater esta praga que ameaza un recurso fundamental da economía doméstica galega”.
A charla sobre a avelaíña guatemalteca da pataca celebrarase no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene este venres, 3 de marzo a partir das 18.00h.