“Adeus ríos, adeus fontes” convida aos colexios feneses a participar no Día Internacional dos Bosques e no Día Mundial da Auga
08-03-2017
O 21 de marzo é o Día Internacional dos Bosques e o 22 celébrase o Día Mundial da Auga. Dúas datas sinaladas polas Nacións Unidas coas que se pretende por de manifesto, dunha banda, a importancia da preservación dos montes e selvas como filtros ambientais e fonte de recursos sustentable e, doutra, a necesidade de nos concienciar coa auga como un ben prezado que non se debe malgastar nin contaminar. Mensaxes claras sobre o ambiente que o Concello levará aos colexios o 20 e o 22 de marzo a través do programa “Adeus ríos, adeus fontes”.
A iniciativa desenvolverase en todos os centros escolares do municipio e está pensada principalmente para o alumnado de 1º a 4º de educación primaria.
“Adeus ríos, adeus fontes” ten dúas partes. A primeira é un contacontos, titulado nesta ocasión “Unha árbore vén vernos”. O actor e narrador Anxo Moure é o Tío Teixo, quen viaxará ata o bosque dos contos acompañado da rapazada para salvar as árbores e, de paso, “a tenrura que vive no bosque e da que se alimentan os seres máxicos”.
Trátase dunha sesión na que os nenos e nenas non só gozarán dos contos interactivos de Moure, senón que tamén poderán xogar a colorear láminas.
A segunda parte da proposta da Concellaría de Medio Ambiente para os colexios consiste nun convite para que, ao remate do contacontos, a cativería participe na plantación dunha árbore. Neste sentido, o Concello facilitaralles aos centros interesados tanto a árbore como persoal municipal para a plantación.
A actividade desenvolverase o día 20 de marzo no CEIP de Sillobre -10.00h.- no CEIP Centieiras -11.30h.- e no CPR Jorge Juan ás 12.30h. O día 22 trasladarase con eses mesmos horarios ao CEIP Os Casais, o CEIP O Ramo e ao CPI A Xunqueira.
O programa “Adeus ríos, adeus fontes” celebra os días internacionais adicados aos bosques e a auga en colaboración coa comunidade educativa e con dous obxectivos principais: destacar a relevancia das árbores e dos bosques como filtros ambientais que protexen o chan, reciclan auga e limpan o aire, ademais de ser protección ante o cambio climático e fonte sustentable e renovable de recursos; e, no caso da auga, xerar conciencia sobre a súa importancia para a vida no planeta e sobre a necesidade de non contaminala e aproveitala de xeito racional.