Presentarase unha pirámide de madeira morta realizada en Marraxón
30-03-2017
Continuando cos proxectos de colaboración entre a Comunidade de Montes de Marraxón, Sillobre e a Concellería de Medio Ambiente de Fene para a rexeneración e posta en valor do monte comunal como espazo de esparcemento e lecer, didáctico, cultural e respectuoso có medio ambiente, este sábado 1 de abril, ás 11 da maña, presentarase unha pirámide de madeira morta realizada en Marraxón.
As pirámides son troncos de madeira colocados e ordenados a diferentes alturas que proporcionan madeira morta en descomposición aos insectos saproxílicos, entre eles o escornabois/vacaloura (lucanus cervus),o maior escarabello de Europa, especie en regresión debido á perda do seu hábitat e protexido polos convenios de Berna e a Directiva Hábitats.
É por iso que dende o Concello de Fene e a Comunidade de Montes tamén queremos facer unha pequena homenaxe ao escornabois/vacaloura coa construción desta piramide.
Falará deste tema o entomólogo da Sociedade Galega de Historia Natural, Pablo Torrella. Noutro orde de cousas, tamén en Marraxón preto da pirámide, foron recentemente acondicionadas dúas charcas para favorecer o hábitat dos anfibios.