Concello e Deputación negocian a mellora da seguridade viaria no contorno dos institutos de Barallobre e da estrada de San Marcos
04-05-2017
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, reuniuse este mércores na Coruña co responsable provincial de infraestruturas viarias, José Manuel Pequeño, para falaren de tres proxectos relativos á mellora da seguridade na zona dos centros de ensino de Barallobre e na estrada DP-3503. No encontro -ao que tamén asistiron os responsables municipais de Seguridade e de Obras, Sandra Permuy e Justo Martínez-, a Deputación adquiriu o compromiso de axilizar o cambio na sinalización da estrada e de retomar o proxecto dunha senda peonil que enlazaría co acceso ao cemiterio municipal. Pola súa banda, o Concello comprometeuse a trasladarlle de inmediato o proxecto para a construción dun aparcadoiro nas inmediacións do instituto e do centro de formación profesional. Unhas obras cifradas en algo máis de 83.000 euros.
A xuntanza con Pequeño foi o reinicio duns contactos que xa se mantiveran a comezos de 2016 e que, malia a cobertura mediática que tiveron daquela, non chegaron a prosperar. A intención do executivo local é implicar a Deputación na mellora integral da seguridade viaria dunha das zonas máis transitadas do municipio, ao longo da denominada estrada de San Marcos, de titulariedade provincial.
Segundo Juventino Trigo, no encontro deste mércores púxose enriba da mesa a necesidade de axilizar a dotación de sinalización tanto horizontal como vertical a toda a DP-3503, así como a colocación de dispositivos que limiten a velocidade nas proximidades dos centros de ensino. Unha petición na que, segundo o alcalde, "a Deputación xa está traballando".
Por outra banda, o executivo local tamén se interesou polo estado do proxecto de senda peonil pola zona que xa se anunciara a principios do ano pasado. Sobre esta cuestión o compromiso alcanzado do representante provincial foi o de recuperar o proxecto anterior deseñado pola Deputación e adaptalo para o tramo comprendido entre os institutos e o acceso ao cemiterio municipal, sobre unha distancia próxima aos 800 metros que coincide tamén coa zona máis poboada. Cómpre lembrar que desde os centros de ensino ata o lugar do Rego da Moa -na conexión coa N-651- a estrada carece de beiravías.
A última cuestión tratada pola representación municipal e José Manuel Pequeño foi a referida ao proxecto de construción dun aparcadoiro que lle dea servizo aos institutos. Unha obra para a que o Concello xa dispón dun proxecto valorado en 83.826 euros. Segundo explica Juventino Trigo, o responsable de infraestruturas viarias da Deputación pediu que se lle remitise o documento "o antes posible" para estudalo e iniciar o correspondente procedemento "de cara a suscribir co Concello un convenio económico que nos permita levar adiante as obras".