20 locais participan desde este venres na décima edición do concurso de tapas de Fene
04-05-2017
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a técnica de Desenvolvemento local, Belén Souto, presentaron hoxe á mañá a décima edición do concurso de tapas de Fene que arranca este venres e que rematará o domingo 28 de maio. A esta iniciativa gastronómica sumáronse unha vintena de establecementos, que participarán nas categorías de tapa tradicional e tapa creativa. A concellaría de Promoción económica e Turismo introduciu este ano dúas novidades no concurso. A primeira é que, para poder votar, abondará con ter selada alomenos o 80% da "Fenerruta" -o folleto co itinerario de todos os locais-. A segunda novidade é que nesta edición o concurso contará cunha aplicación móbil para coñecer todos os datos das tapas e poder facer o percorrido seguindo un mapa no que están xeolocalizados todos os locais inscritos.
Segundo Juventino Trigo, o obxectivo destas novidades é "subir o nivel e darlle máis prestixio ao concurso" que, tras dez edicións, é o certame decano na comarca e un dos máis veteráns de Galicia. O rexedor local debullou os puntos máis importantes das bases deste evento gastronómico que premiará catro tapas en cada unha das categorías: campioa e subcampioa tanto no apartado creativo como tradicional segundo o criterio dun xurado profesional e, por outra banda, petiscos campións e subcampións nas categorías tradicional e creativa elixidos mediante votación popular.
Os establecementos declarados como vencedores polo xurado profesional levarán cadanseu trofeo e unha suscrición de 6 meses para a academia de cociña en liña "Masterchef". No caso dos ganadores pola votación do público tamén haberá trofeo e un libro de cociña. Aos catro locais subcampións entregaráselles un trofeo.
Ao remate do periodo de inscrición apuntáranse no concurso 20 establecementos. 8 deles optan aos premios para a tapa máis creativa e os 12 restantes competirán polo recoñecemento ao bocado tradicional máis gorentoso.
O X Concurso de Tapas de Fene desenvolverase durante as fins de semana entre este venres 5 maio e o domingo 28. Os horarios serán os seguintes: os venres de 20 a 22h., os sábados de 13 a 15 e de 20 a 22h. e os domingos de 13 a 15h.
A mecánica é sinxela e de sobra coñecida: con cada consumición os 20 locais participantes porán de balde os seus petiscos para que a xente os probe e elixa ao final do percorrido os dous que máis lles gusten, un categoría. Para votar haberá que ir selando a "Fenerruta", o folleto no que aparecen todas as tapas e os lugares onde se serven.
Non fai falla seguir unha orde concreta nin tampouco ten que ser no mesmo día. Iso si, hai que acudir a alomenos 7 dos locais participantes na categoría creativa e a 10 da categoría tradicional para poder depositar o voto e entrar no sorteo de importantes agasallos: unha viaxe de tres días a excoller entre Londres, Milán, Barcelona, Madrid ou Málaga por cortesía de Estrella Galicia; unha escapada rural ofrecida por Organiza Turismo y Eventos con 280 opcións entre as que elixir e, por último, un vale de 6 meses no ximnasio Fitness Fene.
E a cousa non para aí, posto que todas aquelas tarxetas cumprimentadas pola clientela nos propios establecementos entrarán no sorteo dun electrodoméstico cedido por Electro Agro, catro estoxos de viño xentileza de Exclusivas Rivas Suárez, outros catro por cortesía de Bodegas Barral, dous libros de cociña por conta de Imprenta San Esteban e, por último, un mes de clase de música na academia Bellón-Maceiras.
O concurso, tamén no móbil
Nesta edición o concurso estará apoiado na aplicación para móbiles "Quedamos de Tapas". Tal e como explicou a técnica de Desenvolvemento local, Belén Souto, "pode descargarse co código QR que hai nos carteis e nos folletos e está dispoñible tanto para sistemas Android como iOS".
Máis en detalle, a aplicación permitirá acceder a información sobre as tapas -ingredientes, imaxes, etc.- e contará cun mapa cos locais participantes xeorreferenzados para que a clientela "poida atopalos máis facilmente". Por outra banda, "Quedamos de Tapas" tamén ofrecerá noticias sobre o evento e dará a opción de valorar os petiscos, aínda que non de votar por eles, xa que para iso haberá que cubrir as Fenerrutas e depositalas nas urnas que hai en cada establecemento.
Locais participantes no apartado de tapa creativa
- Café Bar A Ponte
- Aturuxo
- Café Bar El Camarote
- Café Bar Friends
- Café Bar Vitis
- Café Bar Diosiño
- Cantina O Pote
- O Arrecendo
Establecementos participantes no apartado de tapa tradicional
- Cafetería Lembranza
- Cafetería Teima
- Jesybar
- Cafetería Xala
- Cervecería Tarnas
- Fussion Café
- O Son de Cociña
- Vichelocrego
- Pachamama
- Cafetería Bombay
- D Anton Café
- Bar O Centro