O Concello de Fene certifica o baleirado da antiga depuradora de Maniños
18-05-2017
As instalacións da EDAR de Maniños xa están libres de lodos e completamente limpas. Así o certifica un informe elaborado pola Oficina técnica municipal trala inspección realizada o pasado 5 de maio e tamén despois de que o Concello urxise a Viaqua a finalizar os traballos de baleirado "de maneira inmediata". Rematan así máis de catro anos de tirapuxas entre a administración local e a concesionaria, obrigada en 2016 a asumir os labores de limpeza en virtude dunha sentenza ditada polo Contencioso-Administrativo. Agora toca mirar que vai ocorrer coa vella depuradora, asentada na súa maior parte en terreos de Portos de Galicia. O Concello solicitou este mesmo luns unha nova xuntanza co ente autonómico para falar tanto da demolición destas instalacións como da recuperación para usos públicos da parcela de Fondomar.
O executivo local xa se reunira a finais de novembro con representantes de Portos de Galicia para por en común puntos de vista sobre a recuperación da ribeira de Barallobre comprendida entre o cabo da rúa da Riveiroa e o peirao de Maniños. Son uns 400 metros de liña portuaria cun alto valor paisaxístico e social. No punto medio encóntrase a lonxa da confraría de Barallobre flanqueada por unha área arborada e polo paseo marítimo Bieito Cupeiro. En ambos estremos, dúas ruínas: nunha punta as da nave de Fondomar -dentro dunha parcela pechada de 3.300 m- e, na outra, as da EDAR de Maniños, en desuso trala entrada en funcionamento da macrodepuradora de Chanteiro.
A empresa Viaqua, concesionaria da auga e do saneamento, rematou recentemente os traballos de baleirado das instalacións da depuradora, tal e como se certifica nun informe municipal froito dunha inspección realizada o pasado 5 de maio. Nel constátase que nas balsas xa non quedan restos de lodos -no fondo só hai unha fina lámina de auga da chuvia dos últimos días- e que os traballos non se limitaron unicamente ao traslado dos resíduos, senón que tamén se aprecia "a limpeza interior dos paramentos e o fondo dos tanques".
Ademais de verificar o baleirado, o informe técnico municipal tamén avalía o estado actual dos elementos construtivos e do equipamento e, neste sentido, remata recomendando dar de baixa a instalación e a súa demolición tanto por cuestións de ornato como de seguridade. Esta recomendación coincide coa intención de Portos de Galicia para a nave da antiga Fondomar, que o ente público prevé tirar abaixo este mesmo ano por tratarse dun inmoble irrecuperable para novos usos.
Así as cousas, coa depuradora libre de resíduos e con Portos decidido a actuar na zona, o goberno local solicitou xa unha nova reunión cos responsables do organismo para avanzar na recuperación da ribeira de Barallobre. No encontro o executivo municipal daralle conta a Portos de Galicia da finalización dos traballos de baleirado da EDAR e pedirá información sobre o estado do proxecto de demolición da nave de Fondomar. A este respecto, o Concello xa suxerira en novembro incluír nese mesmo proxecto o derrubado da depuradora.
Alén das cuestións inmediatas, no encontro o executivo tamén agarda perfilar o futuro da área para que, nunha segunda fase, se poida habilitar cunha utilidade social. A proposta municipal para a parcela de Fondomar é convetela nun espazo dotacional para a actividade marisqueira, pero tamén para o lecer e o deporte. Nela poderían situarse dependencias para a reparación de embarcacións e outro material de traballo de mariscadores e mariscadoras, espazos para entidades relacionados coas actividades acuáticas -como por exemplo a vela, o piragüismo ou o submarinismo- e incluso cabería a posibilidade de destinar unha parte a usos hostaleiros.