Encontro institucional coa parlementaria Ana Pontón en Fene
09-06-2017
A parlamentaria Ana Pontón mantivo un encontro institucional co goberno local de Fene de cara a coñecer os proxectos nos que está a traballar o Concello así como aquelas prioridades que se queren trasladar desde o municipio á cámara galega.
Pontón interesouse pola recuperación do contorno do Cádavo e da Ribeira de Barallobre, pero tamén polo anuncio de Abanca de deixar sen oficina ao barrio de San Valentín. Neste sentido, o alcalde anunciou na rolda de prensa posterior ao encontro que o próximo xoves se reunirá na Coruña con representantes da entidade bancaria co obxectivo de que reconsideren a súa decisión.
A portavoz do grupo do BNG no Parlamento galego chegou a Fene sobre as 12 da mañá e foi recibida polos membros do goberno local na alcaldía, onde asinou no libro de honra do Concello.
A parlamentaria autonómica conversou durante varios minutos coa representación municipal sobre iniciativas que se queren levar adiante e do balance dos últimos dous anos "dun goberno transparente que é referente pola súa capacidade de trabalo". Un balance cualificado por Ana Pontón como "excepcional" xa que, segundo asegurou, o labor do executivo "puxo o Concello a funcionar ao servizo das maiorías sociais".
Xuntanza con Abanca
Na rolda de prensa tanto Ana Pontón como Juventino Trigo referíronse ao posible peche da oficina de Abanca en San Valentín que para ambos é un caso máis "do progresivo desmantelamento do sistema bancario Galego", ao tempo que expresaron o seu apoio ás demandas veciñais.
Sobre o asunto, o alcalde explicou que xa se concertou con representantes da entidade unha xuntanza para o xoves da semana que vén. Nela presentaráselles o contido da resolución acordada no pleno da semana pasada que, entre outras cuestións, inclúe a posibilidade de que o Concello valore a súa posición como cliente do banco se finalmente decide pechar a sucursal. "Tentaremos explicar e xustificar por que é tan necesario manter aberto ese servizo en San Valentín".