Adxudicadas as obras de reparación rúa Travesa

Adxudicadas as obras de reparación rúa Travesa

O obxecto do contrato -que ten un prazo de execución máximo de 28 días naturais- será o de reparar o firme desta rúa próxima ao centro urbano de Fene, pero tamén repoñer as conducións  da auga potable e as canalizacións das escorrentías, ademais de mellorar a seguridade peonil.


As obras desenvolveranse sobre unha distancia de 250 metros entre os cruzamentos coa rúa Alta e Alcalde Gerardo Díaz. En todo o traxecto cambiaranse as vellas tubaxes por outras de polietileno de 110 milímetros con chaves de paso e arquetas de rexistro para acceder a elas. Tamén se prevé instalar unha boca de rega na parte central da vía.

No referido á canalización de pluviais o proxecto recolle a limpeza das cunetas e a construción dunha plataforma dun metro de ancho e cun deseño de “v” aberto pola que tamén poidan circular viandantes. Debaixo dela irán instaladas  tubaxes de PVC de 400 mm que tamén recollerán a auga das baixantes dos tellados da zona.

O traballo quedará listo coa intervención na capa de rodadura, sobre a que primeiro se fará un rebacheo para logo cubrila con asfalto aglomerado de 5 centímetros de espesor.

A rúa Travesa é un caso especial dentro da rede viaria municipal. Malia ter nome de rúa a súa feitura responde á dun camiño que non ten encaixe na trama urbana municipal definida no PXOM. O ancho medio anda nos 3,5 metros e nalgúns puntos incluso é menor por ter vivendas e ribazos a un e outro lado. Circunstancias todas elas que dificultan o tráfico -intenso por esa zona- e que, ademais, "impiden facer obras máis ambiciosas con custes asumibles, como serían a construción de beirarrúas ou o ancheado da calzada", tal e como apunta o titular de Obras, Justo Martínez.

"O que si podemos e debemos facer é tentar mantela nas mellores condicións posibles e por iso se deseñou un proxecto que antes de aglomerar substitúa as canalizacións do abastecemento de auga e constrúa un novo sistema de drenaxe con escaso fondo que se poida usar como senda peonil".

A empresa que resultou adxudicataria dos traballos foi a coruñesa José No Mantiñán Construcciones S.A., cunha oferta de 29.129,43€, ive incluído na que, ademais, se compromete a facer os traballos en 28 días naturais.

En calquera caso, o responsable da área de Obras, Justo Martínez, sinala que o obxectivo deste proxecto é dobre: "unha banda reparar unha vía moi deteriorada para mellorar a seguridade do tráfico rodado e peonil e, doutra, aproveitar os traballos na zona para repoñer todas infraestruturas soterradas que nalgúns puntos tamén estaban danadas".