Fene distribúe 500 cinceiros entre os usuarios das praias do municipio

Fene distribúe 500 cinceiros entre os usuarios das praias do municipio

A área municipal de Medio Ambiente do Concello de Fene comezou xa o reparto de medio milleiro de cinceiros reutilizables deseñados para o seu uso en praias e outros recunchos ao aire libre. Son uns pequenos cornetes de plástico deseñados para asentar perfectamente na area e para que sexa cómodo levalos canda nós en calquera sitio. O obxectivo da iniciativa é manter os areais de Limodre libres de cabichas.

Os cinceiros poden conseguirse nos locais hostaleiros máis próximos ás praias de Río Castro, Almieiras, Coído e Río Sandeu,aínda que o Concello tamén ten previsto facerlle chegar unha pequena remesa ás entidades do municipio e incluso repartilos coa colaboración da agrupación de Protección Civil.
 
En aparencia o cinceiro semella o barquillo dun xeado de cornete e ata ten un tamaño semellante, só que está fabricado con plástico. A feitura facilita espetalo na praia ao pé da toalla sen perigo de que o leve o vento nin de que se baleire o seu contido, xa que este sinxelo dispositivo tamén conta cunha tapa de seguridade.  
 
Ademais, o cinceiro é dunha rechamante cor verde -a corporativa do Concello de Fene- que fai moi difícil que a ninguén se lle pase levalo para a casaé doado espetar o cinceiro na area ao pé da toalla e, ao mesmo tempo, é difícil que a ninguén lle esqueza levalo despois para a casa.
 
Esa é precisamente a finalidade da campaña iniciada polo Concello, que ninguén cisque cabichas nos areais. Alén do impacto visual de atopar os restos da "fuma" na area, cómpre ter en conta tamén que os filtros dun pitillo poden tardar  ata unha década en degradarse e que, ao facelo, tamén se liberan ao ambiente substancias tóxicas do tabaco que quedaron impregnadas neles, como o benceno, o amoniaco, a nicotina, o alquitrán, o polonio 210 e outros  axentes canceríxenos. Neste sentido, as cabichas tampouco se deben tirar nin no retrete nin en desaugadoiros.
 
Segundo comenta o rexedor local, Juventino Trigo, "agora vese menos tabaco nas praias que uns anos atrás, pero aínda hai moitas e moitos bañistas fumadores a quen lles queremos dar unha ferramenta máis para que nos axuden a manter limpos os areais". Con todo, tal e como apunta Trigo, "o ideal sería que ninguén fumase, co que acabaríamos co problema das cabichas e todos ganaríamos en saúde".