26 empresas optan á renovación da marxe dereita da Avenida das Pías
08-08-2017
O Perfil de contratante do Concello de Fene -a plataforma en liña onde se dá conta das licitacións de obras e outros contratos- publicou recentemente a acta da mesa de contratación na que se recolle o listado das empresas que concursan polas obras de renovación da Avenida das Pías, desde a saída da rotonda de Astano ata o cruzamento de Fene. Trátase dun proxecto cun importe de saída de 355.000 euros ive incluído -sufragados con cargo ao PAS 2016- ao que, finalmente, optan 26 construtoras. Os traballos veñen completar a reparación e a mellora da accesibilidade da avenida tralos traballos acometidos con anterioridade na beira norte.
Os traballos consistirán na renovación das redes de abastecemento de auga que discorren pola marxe sur da estrada FE-14, posto que teñen unha antigüidade superior a 40 anos. De feito é habitual que se produzan fugas e roturas polo que en máis dunha ocasión provocaron danos por falta de subministración e inundacións.
As novas tubaxes instalaranse nun tramo de preto dun quilómetro, incluíndo os ramais para abastecer as acometidas domiciliarias existentes, e estarán realizadas en fundición e polietileno. As augas derivaranse cara un novo colector de saneamento, que se situará na marxe dereita da avenida. Ademais tamén se aplicará unha impermeabilización asfáltica bicapa nas cubertas dos sotos, co obxectivo de evitar futuras humidades.
Porén, alén da infraestrutura hidráulica, a segunda parte do proxecto tamén se centra na accesibilidade renovando as beirarrúas nesta banda da avenida que quedaba pendente.
Así, o proxecto recolle a colocación dun novo enlousado ao longo de todo o trazado obxecto da actuación onde, ademais, se construirán rebaixas para persoas con mobilidade reducida. Os planos tamén recollen mellorar o acceso peonil desde a avenida das Pías á igrexa de Perlío. O resto dos pavimentos afectados polas obras reporanse con rego asfáltico e aplicarase pintura específica con textura antideslizante nos pasos peonís.
As obras levaban varios meses previstas e co proxecto preparado. Porén, o Concello debeu agardar á autorización de ADIF para poder licitalas, posto que se vai ver afectado o viaduto que sortea a vía do tren e maila rúa Tellerías. O contrato para levalas a cabo saiu a concurso no mes de marzo cun prezo de partida de 293.504,35 euros (355.140,26 ive incluído), que se custearán con cargo ao Plan de Acción Social convocado pola Deputación da Coruña en 2016.
Á licitación presentáronse 28 empresas das que dúas quedaron excluídas do procedemento, nun caso por non xustificar a porcentaxe prevista de subcontratacións e no outro por non cumprir coas cláusulas administrativas no referido á información que debe figurar en cada un dos sobres da oferta.