Fene adícalle a praza do Concello ao alcalde republicano Ramón Souto González

Fene adícalle a praza do Concello ao alcalde republicano Ramón Souto González

O próximo mércores 16 de agosto a antiga Praza do Concello pasará chamarse "Praza do Alcalde Ramón Souto González", en memoria do rexedor socialista represaliado en 1936 xunto con outros membros da corporación fenesa. Oficialmente ese xa era o nome da praza despois de que así o decidise o pleno do pasado 4 de maio cos votos a favor de PP, BNG e EU, mentres que o PSOE e Somos Fene se posicionaron en contra. Naquela sesión, e a proposta do grupo Popular, tamén se acordou facer o acto institucional de homenaxe que irá acompañado da convocatoria da primeira edición dun certame xornalístico centrado na historia de Fene e do resto de Galicia durante o século XX.

A homenaxe a Ramón Souto terá lugar na praza anexa ao consistorio a partir das 20.30h. do mércores co descubrimento dunha placa na súa memoria. Un acto "sinxelo" ao que están convidados os membros da corporación, familiares do alcalde fusilado, entidades do territorio e tamén toda a cidadanía que queira sumarse a "un xesto humilde" co que, en palabras de Juventino Trigo, "queremos honrar a figura dun home bo, vítima da persecución ideolóxica desatada polo franquismo tralo golpe de estado contra o goberno lexítimo da República".
 
Ramón Souto naceu en 1900 na vila costeira da Póboa do Caramiñal e recalou en Fene xunto coa súa familia pouco antes de cumprir o servizo militar. Carpinteiro e traballador da antiga fábrica de baldosas de Perlío, Souto participou do movemento sindical -foi membro da sociedade agrarista La Necesaria- e tamén político, chegando a ser candidato a deputado no 1933 polas listas socialistas.
 
Substituíu no cargo ao alcalde José Pita Cortés, tamén socialista, que dimitira en xuño de 1936 por causa da súa avanzada idade e dun delicado estado de saúde. Pouco menos dun mes despois, o 18 de xullo, produciríase o golpe de estado contra da República. Naquel intre a súa dona Mercedes Guizán, temendo por el,  aconselloulle refuxiarse na Coruña. Unha recomendación que Souto rexeitou coa frase "¿e por que me vou esconder se nunca lle fixen mal a ninguén?" que, máis que afouteza, posiblemente reflectise o estado de ánimo dun home ignorante do tráxico cariz que tomarían os acontecementos á volta de tan só uns días.
 
Ramón Souto González foi detido na Casa do Concello o 1 de agosto xunto con outros membros da corporación: Andrés Iglesias, Juan Sanchez, Francisco e Eduardo Barcia e o secretario municipal, Jesús Tenreiro. Disque estivo cautivo no campo de concentración de La Escollera, en Ferrol, ata que na noite do 16 de agosto -ou xa na madrugada do 17- foi sacado de alí  xunto con outros 14 presos políticos -entre eles Xaime Quintanilla-, procedentes parte deles da prisión flotante Plus Ultra. 
 
A versión máis aceptada pola investigación histórica é que uns e outros foron executados no muro do antigo cemiterio de Canido, aínda que outra teoría sobre aqueles incertos momentos -e tamén a máis extendida- sostén que os fusilamentos se terían producido no castelo de San Felipe. 
 
Como queira que sexa, agora o Concello de Fene "ofreceralle por fin o recoñecemento que merece, en cumprimento do noso deber de reparar as vítimas da represión e de preservar a memoria histórica recente". 
 
Ademais de descubrir a placa conmemorativa, o Concello tamén honrará a Souto González convocando o 1º Concurso de artigos xornalísticos co nome do alcalde represaliado. O certame pretende "promover a reflexión" sobre temas relativos á historia do municipio, do resto da comarca e de Galicia ao longo do século XX. A iniciativa -proposta como enmenda polo PP- tamén quere fomentar a creación de espazos nos medios de comunicación "para analizar e divulgar a nosa memoria histórica".