O Concello e a ADOS inician unha campaña postal para incrementar o número de doazóns no municipio
21-08-2017
Durante estes días está chegando a todos os domicilios de Fene unha carta asinada polo alcalde, Juventino Trigo, na que se informa sobre a importancia de doar sangue e na que se convida á veciñanza a participar na campaña de doazón que se desenvolverá o mércores e mailo xoves diante do Concello. Alí estará aparcado o autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), que atenderá os dous días entre as 9.30 e as 14.30h. e de 15.30 a 21.00h. A iniciativa enmárcase no itinerario anual das unidades móbiles de extracción, reforzado nesta ocasión cun buzoneo informativo co obxectivo de relanzar as doazóns no municipio. Segundo os datos do SERGAS, Fene alcanzou en 2016 unha taxa de 32 doazóns por cada 1.000 habitantes. Unha cifra que está por debaixo da marxe de entre 40 a 60 recomendada pola Organización Mundial da Saúde.
Dar sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para solucionar os problemas de saúde de moitas persoas e mesmo salvarlles a vida. Para atender as necesidades da sanidade galega fan falla unhas 500 doazóns diarias, que veñen sendo unhas 10.000 mensuais. Neste sentido, a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia -o antigo CTG- ten varias unidades móbiles percorrendo o país para facilitar a doazón de compoñentes sanguíneos, un acto altruísta que axuda a salvar vidas.
Poden doar sangue as persoas que teñan unha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e cunha idade entre 18 e 65 anos. É vital que a persoa doadora achegue toda a información posible sobre o seu estado de saúde, xa que o sangue doado vai destinado a axudar a recuperación dos doentes. Con todo, o persoal sanitario das unidades móbiles sempre fai unha comprobación previa do estado de saúde das persoas voluntarias e todas as extraccións son analizadas antes de incorporarse aos bancos do sistema público de saúde.
Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Se imos doar este mércores ou este xoves debemos ter en conta que non debemos ir doar sen ter almorzado antes e que tampouco podemos doar ata dúas horas despois de ter xantado. Tamén é obrigado levar o DNI e informar ao persoal médico da unidade móbil se estamos tomando algún medicamento.
Obxectivo, aumentar as doazóns
Fene está por debaixo das recomendacións internacionais en canto a doazóns. Así o reflicte a información recollida nas cartas que se están enviando ás casas, onde se sinala que o municipio está en 32 doazóns por cada milleiro de habitantes, de aí que o obxectivo fixado polo Concello e o SERGAS sexa "incrementar a participación para chegar ás cifras que recomenda a OMS, situadas entre as 40 e as 60 doazons por cada 1.000 habitantes", explica na misiva Juventino Trigo, quen tamén expresa "un agradecemento especial" dirixido ás persoas que se suman cada ano ás campañas de doazón de sangue. "Gracias a este xesto solidario, os hospitais atenden ás persoas enfermas de cancro e leucemia e levan a cabo cada día unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos".
Durante o verán increméntase a necesidade de manter un bo nivel de reservas sanguíneas, posto que é a época de máis desprazamentos por estrada e, en consecuencia, con máis accidentes de tráfico. Na web da ADOS sinálase que as reservas en Galicia se encontran neste momento nun nivel normal en seis dos oito grupos e en nivel bo no caso do AB Positivo e AB Negativo. Porén, cómpre ter en conta que durante os meses de vacacións estivais tamén adoitan baixar as doazóns, polo que non está de máis manter o costume de doar aínda que esteamos fóra. "As doenzas non collen vacacións e moitas persoas dependen da nosa solidariedade para recuperar a saúde", comenta Juventino Trigo na carta enviada á veciñanza.
Doar sangue é un acto solidario e tamén responsable. En caso de que calquera persoa teña algunha dúbida sobre se pode ser doante ou non, pode consultar co persoal das unidades móbiles ou nos locais de doazón (o máis próximo está no CHUF Arquitecto Marcide-Novoa Santos). Tamén pode chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, das 8.00 ás 22.00 dende teléfonos fixos e móbiles. Outro medio de consulta é a web da ADOS, onde se recolle grande cantidade de información sobre a doazón.