Separemos ben. Reciclaremos mellor
30-08-2017
A aula móbil da campaña autonómica “Separemos ben, reciclaremos mellor”, que promove e coordina a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, contando coa colaboración de Ecoembes e Sogama, trasládase este mércores, día 30 de agosto, a Fene para informar e formar na reciclaxe aos bañistas da praia de Almieiras, onde permanecerá entre as 15:00 e as 19:00 horas.
Desde este dispositivo formativo e divulgativo, educadores medioambientais serán os encargados de instruír e asesorar aos cidadáns nas boas prácticas vinculadas á xestión sostible dos residuos domiciliarios. Consumo responsable, utilización eficaz e eficiente dos recursos, e recollida selectiva constituirán as mensaxes que centrarán o discurso dos monitores, orientado en todo caso a alcanzar as esixencias da economía circular, insistindo na necesidade de manter os produtos o maior tempo posible no mercado e evitar que estes acaben convertidos en refugallos.
Os 3 Erres, punto de partida
O principio comunitario dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) estará presente de forma permanente na guía de hábitos ecolóxicos a despregar para producir menos lixo, para alongar a vida útil dos artigos e para segregalos por tipoloxías e depositalos no contedor correspondente unha vez convertidos en residuos: amarelo, para latas, briks e envases de plástico (nunca para plásticos que non sexan envases ou envoltorios); azul, para envases de cartón e papel (nunca para papeis e cartóns sucios, plastificados ou con restos de graxa, debendo retirar previamente elementos accesorios tales como arames, anelas e grapas); iglú verde, para botellas, frascos e tarros de vidro (sen tapas, tapóns ou cortizas, evitando os vidros especiais tales como lámpadas, espellos, restos de cristalerías, cristais de fiestras ou parabrisas de coches, entre outros); recipiente específico para pilas; e contedor verde convencional, para a fracción resto, que queda baixo a competencia de Sogama para a súa transformación en enerxía eléctrica, previa valorización material dos elementos susceptibles de ser recuperados a través doutras vías.
As persoas interesadas tamén terán ocasión de complementar os seus coñecementos a través das explicacións proporcionadas polos educadores e de resolver todas as súas dúbidas, permitíndolles desta forma levar a cabo un proceso axeitado co que contribuír á sostibilidade do sistema. Así mesmo, e de forma voluntaria e anónima, poderán participar en enquisas de satisfacción a través das cales deixarán constancia das súas impresións, valoracións e propostas de mellora.
O obxectivo último é incrementar as taxas de reciclado na nosa comunidade e transitar cara a un modelo de economía circular que deixe atrás o caduco e obsoleto sistema lineal, definido polas malas prácticas de usar e tirar.