Últimos días para solicitar as compensacións por mor da couza guatemalteca da pataca
22-09-2017
A tramitación pode facerse por vía electrónica nesta ligazón ou ben acudindo á oficina comarcal de Medio Rural -na Praza de España-, aínda que tamén se pode cursar a través da Oficina SIR do Concello.
Foi no mes de marzo cando o Ministerio de Agricultura declarou como zona infestada de couza guatemalteca case todo o norte da Coruña, o norte de Lugo e o occidente asturiano. Unha declaración que, unha vez trasladada á normativa autonómica, supuxo a prohibición de plantar patacas alomenos durante dous anos en 31 municipios galegos, entre eles Fene, e a obriga de declarar oficialmente todas as existencias en almacéns e para autoconsumo.
As medidas para erradicar a praga pillaron a moita xente coas patacas de cedo xa plantadas e, no mellor dos casos, coas da semente compradas e agardando polo bo tempo para poñelas na terra. Pataca toda ela que, xunto as sobras da colleita de 2016, estaba condenada á destrución. Unha circunstancia que provocou malestar e numerosas protestas acusando á Xunta de falla de previsión e de información ante un problema que xa se coñecía de vello.
Como se recordará, o dispositivo de retirada de tubérculos empezou a principios do mes de maio e prolongouse case até xullo, percorrendo nese tempo todos os concellos incluídos na corentena estatal. No momento de recoller os sacos de pataca vella e da semente ou de levantar un patacal, os servizos oficiais entregaron un albarán onde se deixaba constancia da cantidade entregada, que será a que se tome como referencia para o pagamento das compensacións no caso das plantacións domésticas.
O prazo para presentar as solicitudes de compensación finaliza o sábado 30 de setembro que, ao ser inhábil desde o punto de vista do cómputo de prazos, pasa ao luns 2 de outubro. A tramitación pode facerse desde a sede electrónica da Xunta ou presencialmente en calquera das súas delegacións. Tamén se pode entregar a solicitude no rexistro municipal para darlle curso a través da oficina de intercambio (SIR)
Por último, cómpre lembrar que, de acordo coa normativa, en 2018 en Fene tampouco se poderán plantar patacas e que o plan definido polo Estado para combater a praga da couza guatemalteca terá unha vixencia de, polo menos, 5 anos.