O Concello esíxelle a Fomento medidas urxentes para acabar coa sinistralidade das curvas de Santa Ana

O Concello esíxelle a Fomento medidas urxentes para acabar coa sinistralidade das curvas de Santa Ana

38 accidentes co resultado de 9 persoas feridas e 3 falecidas, a última o pasado 18 de setembro. Esa é a fría estatística desde 2013 ata hoxe no quilómetro 29 da N-651, máis coñecido como as curvas de Santa Ana. Así o reflicte un informe elaborado pola Policía Local de Fene no que, ademais, tamén se sinala que o alto número de accidentes é atribuíble ás características do trazado e ao estado da propia vía e non a circunstancias como o estado dos pneumáticos ou posibles imprudencias. Neste sentido, o Concello deulle saída esta mesma mañá a unha carta acompañada do informe policial na que se lle esixe ao Ministerio de Fomento -titular da vía- que se audite a seguridade da estrada e que se tomen medidas urxentes para acabar coa alta sinistralidade da zona.

Esta non é a primeira vez que o Concello se dirixe a unha administración estatal para facerlle saber do perigo das voltas de Santa Ana. De feito, xa en 2014 a Policía Local fixo unha aproximación ás posibles razóns de que se producisen tantos accidentes no P.K. 29 da N-651. Aquel primeiro estudo denunciaba a "falta de mantemento" e  xa apuntaba a factores da vía como causantes principais das constantes saídas da estrada e colisións entre vehículos, como a que en setembro dese mesmo ano cobrara a vida dunha nai e unha filla.

O informe remitiuselle á Xefatura Provincial de Tráfico sinalando que o punto debería ser considerado como Tramo de Concentración de Accidentes e expoñéndolle que "sería de enorme axuda e un acto de responsabilidade das administracións competentes" que se fixese un estudo con persoal técnico cualificado, na liña de incrementar a sinalización e a protección.

Porén, desde o 2014 o Concello non tivo constancia de cambios de importancia nas condicións da estrada, máis aló da colocación de sinalización vertical advertindo en ambos sentidos do perigo de firme esvaradío. Unha medida que tivo escasa repercusión na seguridade, tal e como se desprende dun novo informe encargado hai tan só uns días pola área de Seguridade, onde se contabilizan 23 novos sinistros entre o 30 de outubro de 2014 e o 21 de setembro deste ano, con días nos que se terían producido ata tres accidentes case seguidos.


A acumulación de incidentes desde a anterior comunicación e, máis que nada, "a lamentable perda dunha vida que quizais se podería ter evitado", levaron ao goberno local a dirixirse "de novo" á Xefatura Provincial de Tráfico e tamén á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia -dependente do Ministerio de Fomento- para que se lle poña remedio "dunha vez por todas" a un problema que, segundo asegura o informe elaborado hai uns días polo Concello, segue tendo a súa orixe "na configuración da estrada, no seu trazado e no seu mantemento, e non en factores como unha velocidade inadecuada ou o mal estado dos pneumáticos".

No citado informe  vólvese insistir, entre outras cuestións,  en que o P.K. 29 da N-651 se cualifique oficialmente como Tramo de Concentración de Accidentes e que nese sentido se adopten medidas de protección "concretas e urxentes", como a limpeza da calzada, a separación física de ambos carrís cunha mediana de formigón ou cun quitamedos para evitar colisións entre o tráfico de subida e o de baixada, a instalación de barreiras laterais semirríxidas en todo o trazado da curva con maior sinistralidade e, por último, a limitación de velocidade  a 50 km/h. nese tramo.

As propostas da Policía Local de Fene -que xa formaban parte na súa maioría do informe remitido en 2014- son, segundo manifesta o goberno local, "achegas fundamentadas na experiencia e no coñecemento da zona e da súa casuística, pero tamén veñen avaladas pola dureza estatistica que nos fala de cuantiosos danos materiais e do nunca cuantificable nin recuperable custe en vidas humanas".

No comunicado oficial, o executivo local  apela "por segunda vez desde 2014" á responsabilidade da administración estatal "como titular da estrada e competente en todo o referido á mellora da súa seguridade". A este respecto, o texto solicita a realización urxente dun estudo técnico que analice as condicións de seguridade da N-651 no P.K. 29, "co obxectivo de desvelar todos os factores que poidan contribuír á produción de accidentes nese punto concreto".  

En base ao resultado dese estudo, desde o Concello tamén se pide a aplicación  "sen demora" dos cambios estruturais que sexan precisos e, en calquera caso, que se actúe "de inmediato" dotando a zona de maior protección lateral que evite as saídas de vía, instalando un valo separador de ambos carrís e limitando a velocidade de subida e baixada a un máximo de 50 Km./h, tal e como recomenda a Policía Local de Fene.

O escrito remata considerando que a solicitude atende a unha cuestión "de vital importancia" que require de actuacións "decididas e inmediatas". Por este motivo, desde o Concello de Fene vólvese apelar "á responsabilidade da administración", agardando en que o asunto sexa tratado coa "máxima prioridade", tendo en conta que as medidas solicitadas "deberían terse adoptado xa hai moito tempo".