O Pleno de Fene aborda na sesión de outubro a devolución do Pazo de Meirás
05-10-2017
O pleno ordinario deste primeiro xoves do mes de outubro debatirá a proposta da alcaldía de que Fene se sume á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás asumindo o seu manifesto e participando na asemblea prevista para o 30 de outubro. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña que pretende colleitar o máximo apoio institucional e social para que o pazo en mans da familia Franco pase formar parte do patrimonio público.
Porén, o manifesto vai máis aló e tamén é un alegato en favor da recuperación da memoria histórica. De feito, entre os compromisos que contén está "a realización dun estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre os pasos concretos a dar para logarar a súa devolución", ademais da reclamación "dunha Lei Galega de Memoria Histórica" que, entre outros obxectivos, "impida o enxalzamento dos protagonistas da represión" e inclúa disposicións relativas á posta en valor do pazo "asociado á recuperación da memoria histórica".
Estas peticións van precedidas do rexeitamento a que sexa a Fundación Nacional Francisco Franco quen estea xestionando o programa de visitas. A entidade asegurou recentemente que o inmoble ofrecía "unha excelente oportunidade" para mostrarlle ao público "a grandeza da figura de Francisco Franco", aseveracións estas últimas que, segundo se suxire no escrito, serían constituíntes de "apoloxía do franquismo". Neste sentido, o manifesto insta ás Cortes, aos Grupos Parlamentarios e ao Goberno do Estado para que se modifque a lei de fundacións, abrindo así a vía á posibilidade de ilegalizar aquelas que teñan por obxecto "a homenaxe á vida e obra criminais do ditador".
O texto que se someterá a deliberación e votación plenaria reivindica tamén que sexa o Concello de Sada quen xestione as visitas ao pazo -declarado como Ben de Interese Cultural- e que a Xunta esixa o cumprimento do rexime de visitas, segundo o disposto na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, "con independencia da resolución dos expedientes polos incumprimentos reiterados xa incoados, coa imposición da máxima sanción prevista na Lei para estas infraccións".
"Un roubo e un espolio continuado"
O peticionario do manifesto vai precedido da correspondente exposición de motivos na que se repasa brevemente a historia do pazo, adquirido pola Junta pro Pazo del Caudillo aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán con fondos procedentes de "doazóns voluntarias" que se obtiveron en boa medida descontando unha parte do salario de funcionariado e traballadores e mesmo desviando fondos públicos para unha causa coa que os membros da Junta -políticos, banqueiros, empresarios, alcaldes, o Gobernador Civil, etc.- "pretendían conseguir os favores de Franco aproveitando as súas estadías estivais en Meirás".
O pazo entregóuselle ao xeral golpista o 5 de decembro de 1938. Orixinariamente o edificio e os xardíns contaban con 5,7 hectáreas que, finalmente se ampliarían a 9 botando man das terras limítrofes "conducindo os propietarios perante o notario pola forza en camións militares para asinar unha compra-venda a 2 pesetas o metro cadrado que nunca cobrarían".
A xustificación do manifesto atende tamén aos "moitos espolios" asociados ao pazo, onde existen pezas arqueolóxicas "de importante valor" como cruceiros, fontes, balaústres ou escudos "traídos doutros lugares ou de pazos galegos".
O texto finaliza criticando o "trato privilexiado" recibido pola familia do ditador trala súa morte, "cousa insólita nun país democrático", e o feito de que a venda e a especulación co seu legado lle permita dispor hoxe dunha fortuna de "máis de 600 millóns de euros", ademais de ostentar os títulos nobiliarios de Señorío de Meirás e Ducado de Franco outorgados por Juan Carlos I. "Manter hoxe todas esas propiedades nas mans da familia de Franco e esas distincións é unha ofensa ás vítimas do franquismo e a toda a cidadanía. Que este espolio continuado se manteña despois de corenta anos é unha vergoña de Estado".
Por todos estes motivos, o texto que se leva ao pleno ordinario de outubro defende a devolución do pazo de Meirás ao patrimonio público "a través dunha fronte ampla e unitaria, que agrupe a institucións, entidades e sociedade civil. Cómpre reparar a honra e a dignidade das vítimas do franquismo e das persoas que foron roubadas e forzadas a ceder diñeiro e propiedade baixo ameazas e utilizando a violencia máis extrema".