Pintura ao servizo da integración e a humanización de espazos públicos

Pintura ao servizo da integración e a humanización de espazos públicos

Ito Mosquera e ASPANEPS finalizan a decoración das escaleiras da Avenida da Cooperación

Ito Mosquera cós integrantes do centro ocupacional ASPANEPS

A escaleira que comunica San Valentín coa Avenida das Pías parece outra. Os seus 42 chanzos alternan cores rechamantes simulando grandes lápices deitados e, desde a parte superior, dous grandes ollos mírannos fixamente mentres  lanzan a mensaxe "Observade o mundo tras a ollada da inocencia". Toda unha chamada á imaxinación detrás da que está o artista gráfico Ito Mosquera, quen traballou a reo nos últimos días para deixar lista, onte mesmo, a que é a súa última obra até o momento. Non estivo só, senón que contou coa colaboración dos integrantes do centro da ASPANEPS botándolle unha man coa cor do deseño. Para o Concello -impulsor da iniciativa- o resultado "axuda a humanizar un pouco máis o barrio" ao tempo que se contribúe á integración social.


Ito Mosquera explica que o deseño xurdiu das ideas achegadas polo goberno local e do seu propio interese por plasmar no chan e nas paredes unha mensaxe que promove outro xeito de ver o mundo. Quen se achegue ás escaleiras da Avenida da Cooperación verá xa de lonxe que os chanzos son agora lápices de distintas cores e tamaños. En certa maneira evocan as caixas de Alpino que se levan usando toda a vida na escola, unha metáfora da imaxinación infantil que culmina coa idea reflectida no muro das Pías de "observar desde a inocencia". Segundo explica Ito Mosquera, o obxectivo principal desta combinación de motivos e ideas  "é que a xente teña imaxinación, que aprenda a ver cousas bonitas".

A idea de darlle un toque de cor ás escaleiras  partiu do goberno local como unha maneira de "seguir humanizando o contorno do barrio de San Valentín, algo que pode facerse tamén con iniciativas creativas coma esta", comenta a Concelleira Sandra Permuy. "É incrible canta vida lle pode dar a pintura a un espazo público cando as cousas se fan con arte e con moita ilusión, coma neste caso".

O deseño e o traslado das formas ao cemento, así como o aquelado de todo o conxunto, foron traballo do propio Mosquera, pero a obra tamén lle debe unha parte importante do resultado final á mocidade do centro ocupacional da Asociación de Pais de Nenos con Problemas Psico-sociais (ASPANEPS), que se implicou a fondo no proxecto. Preto dunha vintena de alumnos da entidade participaron axudando a darlle cor aos chanzos e ao muro, titorizados por Mosquera e polo monitor Xabi Picos, quen comenta que actividades deste tipo "favorecen moito o crecemento persoal e a implicación colectiva". Picos destaca tamén o valor inclusivo da iniciativa: "traballar con outras persoas de fóra do centro é como rachar dalgunha maneira as paredes para fomentar iso que chamamos a inclusión social verdadeira".

A xente de ASPANEPS tiña xa experiencia na pintura mural. Anteriormente participaran noutros proxectos de arte urbana, como por exemplo a obra que decora o acceso á igrexa de Perlío desde As Pías. Ademais, teñen outra encarga para xa mesmo: converter as escaleiras laterais da Casa da Cultura -as que dan acceso á pista polideportiva- nun teclado de piano. A zona está xa preparada, só falta que se poñan mans á obra coa pintura negra e branca, algo que farán de inmediato aproveitando o bo tempo que se prevé para o que queda de semana e principios da que vén. "Temos colaborado noutros murais e para nós é unha ledicia facelo", asegura Xabi Picos.

Na mesma liña tamén se pronunciou a Concelleira Sandra Permuy, quen destacou que o traballo destes últimos días en San Valentín e o que se vai facer ao pé da Casa da Cultura "cobran un valor social aínda maior, posto que trascende a mellora de espazos urbanos para converterse nun exercicio de integración social".