Partido Popular e Somos Fene rexistran a proposta de moción de censura contra Juventino Trigo
11-10-2017
Gumersindo Galego, Rocío Bértoa, Juan Franco, Juana Barro, Andrés Serantes, Alejandro Gutiérrez, Ana María Novo, Xosé Manuel Rodríguez e César Castro son os 9 asinantes da proposta de moción de censura rexistrada hoxe pouco despois das 14.00h. no Concello de Fene, onde PP e Somos Fene propoñen a Galego como próximo alcalde do municipio en substitución de Juventino Trigo. Tralo rexistro da petición a lei marca un prazo de dez días hábiles para a celebración dun pleno no que se trate a cuestión como único punto da orde do día, de maneira que esa sesión, de non haber nada que o impida, terá lugar no salón de plenos o próximo 26 de outubro ás 12.00h.
A convocatoria do pleno de moción de censura é automática tralo rexistro da mesma e a preceptiva comprobación de que se cumpren os requisitos para que poida prosperar, é dicir, que sexa suscrita, como mínimo, por un número de concelleiros que supoña a maioría absoluta da corporación -en Fene fan falla 9- e que as sinaturas avalando a moción estean recoñecidas perante notario ou a secretaría municipal.
Outra das esixencias normativas é a de que no escrito se propoña novo nome para ocupar a alcaldía que, neste caso, sería o de Gumersindo Galego. O portavoz do grupo municipal do Partido Popular accedería de novo ao posto que xa ocupara entre 2011 e 2015, aínda que desta vez co apoio de Xosé Manuel Rodríguez Bastida e César Castro, os dous edís de Somos Fene que recentemente obtiveron unha suspensión cautelar por parte do Xulgado do Contencioso Administrativo ao respecto da súa expulsión de Participación Democrática Directa de Galicia, o partido instrumental co que concorreron ás municipais, e da conseguinte consideración como non adscritos dentro do salón de plenos.
Como se recordará, xa no mes de xuño houbera unha tentativa de presentar a moción que se viu truncada pola expulsión in extremis de Bastida e Castro da agrupación electoral que amparou a candidatura de Somos Fene. Unha circunstancia que daquela -de acordo coa lei- elevaba de 9 a 11 o número de edís necesarios para que a censura saíse adiante.
Agora a suspensión cautelar da medida adoptada no seu día polo PDDdeG volve facer cadrar as contas, de maneira que a suma das sinaturas dos sete edís do PP e os dous de Somos Fene avalan a presentación da moción e, en principio, tamén a maioría necesaria para que se concrete o cambio de alcalde o próximo día 26.
A normativa local define tamén como se vai desenvolver o pleno, que estará presidido por unha Mesa de idade asistida pola persoa que faga nese momento as funcións da secretaría municipal.
A Mesa limitarase a ler o texto da moción de censura e a cederlles a palabra, por esta orde, ao candidato á alcaldía, ao alcalde e aos portavoces de cada grupo, que poderán exercer ou non ese dereito. Tralas intervencións votarase a moción que, de prosperar por maioría absoluta -9 votos de 17 posibles-, suporá a proclamación do novo alcalde.